As devolucións do Ai Pin superan ás vendas

mércores, 7 de agosto do 2024 Marcus Fernández

O lanzamento do Ai Pin de Humane foi unha das meirandes decepcións no sector tecnolóxico dos últimos anos, basicamente por ser un produto que estaba moi lonxe de cumprir coas promesas que se fixeron na súa presentación e promoción, e dende The Verge están a dar conta do mala que é a situación da compañía actualmente ao desvelar que, entre os meses de maio e agosto terían rexistrado máis devolucións que dispositivos vendidos.
A situación sería especialmente grave polo feito de que os trebellos están asociados a liñas de datos móbiles de T-Mobile que non poden reasignarse, ou sexa, que unha vez devolto un destes produtos convértese directamente nun refugallo electrónico, o que supón un importante quebranto para a compañía.
Humane tiña previsto vender uns 100.000 Ai Pin no primeiro ano de vida do produto, pero o número de dispositivos que aínda estarían en mans dos usuarios estaría preto dos 7.000, deixando claro que estamos ante un produto fracasado, que nunca tería que terse posto á venda no seu estado actual. De feito, antes do seu lanzamento xa recibiran moito feedback negativo das súas unidades de proba, polo que estariamos ante unha clara irresponsabilidade por parte da compañía ao lanzar oficialmente un dispositivo lonxe de estar listo para o mercado de consumo.
O grande problema de lanzamentos deste tipo é que minan a confianza dos consumidores, e nos vindeiros anos vai ser complicado convencer a alguén de adquirir un produto disruptor como o Ai Pin por medo á decepción, o que supón un pau na roda á innovación tecnolóxica.