As chamadas de voz e vídeo de WhatsApp dende o ordenador chegan oficialmente

xoves, 4 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Unha das funcionalidades máis longamente anticipadas de WhatsApp por fin recibe a luz verde, e anuncian que a posibilidade de realizar chamadas e videochamadas individuais de xeito privado e seguro dende a aplicación WhatsApp Desktop xa é posible, ou sexa, que poderemos empregar WhatsApp para comunicarnos con voz e vídeo cando esteamos no noso escritorio informático, o que resulta especialmente cómodo para conversas longas nas que xa non será preciso soster o smartphone na man.
Dende WhatsApp aseguran que esta funcionalidade responde ao grnade incremento do número de chamadas realizadas no último ano, moitas delas de longa duración, chegando a rexistrar na xornada de fin de ano 1.400 millóns de chamadas e videochamadas. Consideran que no caso de poder responder a videochamadas dende unha pantalla grande como a do ordenador facilita o traballo cos compañeiros e a comunicación coa familia, de aí que adaptasen WhatsApp Desktop para que poidan realizar e recibir chamadas con independencia de que os interlocutores teñan o seu dispositivo en vertical ou horizontal e, para non perder de vista as chamadas, estas realizaranse nunha fiestra independente en primeiro plano.
Lembran que este tipo de comunicacións conta con cifrado de extremo a extremo (ou sexa, que nin sequera dende WhatsApp poden ver nin escoitar estas chamadas) e salientan que, aínda que polo momento só está dispoñible a función para conversas individuais, xa están a traballar en levar este xeito de comunicación ás chamadas e videochamadas grupais.
Para poder gozar das chamadas en WhatsApp Desktop precisamos de Windows 10 de 64 bits nunha versión a partir da 1903 ou de macOS 10.13 ou posterior, así como o hardware que permita o uso de audio e vídeo (altofalantes ou auricualres, micrófono e, no caso de querer usar vídeo, cámara), ter conexión entre o ordenador e o móbil, e dar permito a WhatsApp para acceder ao micrófono e a cámara do ordenador.

PUBLICIDADE