As cartas de amor dos internautas teñen premio

martes, 15 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Un ano máis, e con este xa van dez, o concurso de cartas de amor máis popular da Rede vén de dar a coñecer o nome do seu gañador. Co seu relato La distancia más corta, o escritor cordobés Héctor Pascual fíxose co primeiro premio do Certame Literario Antonio Villalba, dotado con 500 euros, un curso de literatura erótica e un Lote Romántico para Amar en Segredo, que entre outras cousas inclúe, un inhibidor de frecuencias e unha aplicación iTrust para iPhone.
O obxectivo deste singular concurso, organizado en Internet pola Escola de Escritores, é “escribir sobre o amor sen resultar tópico nin cursi” algo que os internautas levan facendo todos estes anos de maneira masiva, e mostra do seu éxito foi a participación de 544 autores procedentes de España e Latinoamérica.
A carta gañadora, que se pode ler na web da Escola de Escritores dende hoxe, describe o sentimento de perda que sofre o protagonista logo dunha separación e que canaliza a través da súa obsesión polo origami.
Ao longo dos últimos dez anos, o certame Antonio Villalba de cartas de amor espertou a simpatía dos internautas de toda España e Latinoamérica, chegando a superar, segundo afirman dende a entidade organizadora, “os mil relatos presentados a concurso nas edicións dos anos 2008, 2009 e 2010”.

PUBLICIDADE