As cámaras Samsung NX mesturan a calidade dunha réflex coa calidade dunha compacta

luns, 2 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Samsung presenta unha nova gama de cámaras, a serie NX, que ofrece a calidade e o rendemento dunha réflex dixital (DSLR) xunto coa portabilidade e a comodidade dunha cámara compacta, entrando a formar parte dun mercado híbrido de cámaras que algúns chaman de Micro Catro Terzos.
Como nas cámaras réflex, as NX contan cun sensor de imaxe de grande superficie para a mellor captación de luz e acadar así unhas imaxes de máis calidade, pero prescinden da caixa de espello que define ás réflex empregando un visor electrónico de grande precisión. Con esta mestura permite unha boa calidade fotográfica cun tamaño que é aproximadamente o 60% dunha réflex dixital.
Dende Samsung estiman que «o mercado das cámaras dixitais híbridas superará o 20% do mercado global das cámaras dixitais en 2012», de aí que aposten por esta nova familia de cámaras que chegará ao mercado na segunda metade de 2009.

PUBLICIDADE