“As administracións deben traballar para ofrecer os contidos baixo licenzas abertas co fin de garantir o acceso á información e á cultura” (Oriol Ferrán)

venres, 1 de decembro do 2006 Redacción

Entrevistamos a Oriol Ferrán i Riera, un dos principais valedores do software libre no sector público a nivel español e que participa no Congreso Online da Cibersociedade que fica aberto até o 3 de decembro.

Foi Secretario de Telecomunicacións e Sociedade da Información do Departamento de Universidades, Investigación e Sociedade da Información da Generalitat de Cataluña e un dos promotores do software libre nas institucións públicas. Ferrán celebrou con Elena Veiguela (directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información), unha reunión na que se formalizou a incorporación da Xunta á Rede Internacional das Administracións Públicas polo Software Libre. Xornalista especializado nas tecnoloxías da información, participou en varios proxectos de Internet sen fíos. Ademais, impulsou unha das primeiras comunidades dixitais de Cataluña, Arenys.org. Nestes intres, Oriol Ferrán forma parte do Comité de Honor del terceiro Congreso Online da Cibersociedade que se inaugurou o pasado 20 de novembro coa participación duns 5.000 participantes de África, Estados Unidos, América Latina e Europa e rematará o vindeiro 3 de decembro.

-Por que cree que a administración pública debe apostar polo software libre?
-As institucións públicas, tamén as administracións locais, deben posicionarse de xeito contundente e firme a favor dos estándares abertos, a accesibilidade e a interoperatividade entre sistemas. Quen responde, sen escusas a todas estas condicións, é o software libre. A verdadeira “neutralidade tecnolóxica”, que dende o punto de vista público representa ser neutral e non posicionarse fronte a unha oferta, asegurará os estándares abertos, recoñecidos internacionalmente, e é garantía para os usuarios e os desenvolvedores.

-O avance, neste eido, irá da man da empresa pública ou privada?
-Irá da man do sector público e privado. O papel motor da Administración é evidente en tratar de xerar o proceso de adopción. E, malia que a verdadeira implantación e emprego sairá á luz pola súa propia eficiencia, e por iso é moi importante que existan os casos de éxito que o popularicen. A empresa privada afarase ó software libre con argumentos técnicos, que amosen robustez, aforro e outras razóns tanxibles. O sector privado tamén inclúe o papel do sector TIC, que ten que medrar e ser quen de dar servizos e provisión a unhas novas demandas e necesidades.

-E respecto ós contidos?
-As administracións tamén deben traballar para ofrecer a información baixo licenzas abertas de acceso, como as licenzas Creative Commons. Teñen especial senso polo feito de tratarse de contidos que foron costeados con fondos públicos e é unha responsabilidade garantir nun futuro o acceso aberto á información e á cultura. Nesta situación tamén se atopan aqueles contidos creados nos escenarios das universidades que non poden estar baixo pecho e nalgúns casos en sistemas que non aseguran a súa supervivencia. É importante avanzar en modelos e novas experiencias que acheguen elementos atractivos e de negocio arredor de propostas abertas sobre contidos de gran demanda como os audiovisuais.

-Como cree que un goberno debe contribuír a que diminúa a divisoria ou estratificación dixital?
-A evolución dos contidos e servizos da Sociedade da Información non é garantía do seu aproveitamento para toda a cidadanía. Difundir os beneficios que as TIC poden fornecer á calidade de vida das persoas ou á actividade empresarial é un xeito de avanzar na cohesión dixital. A formación é un aspecto prioritario que debe ir acompañado dunha extensa área de dinamización.

-Wikis, blogs... son algunhas das ferramentas que os usuarios foron desenvolvendo en Internet nos últimos anos. Que papel cree que xogan entre os cidadáns máis e menos activos dunha sociedade?
-Trátase dunha nova oportunidade que creo que soubemos aproveitar, daquela Rede social e máis colectiva dos inicios. Aquela Internet que semellaba a piques de ser asolagada pola burbulla tecnolóxica e o boom das puntocom. Volveron abrollar novos espazos e ferramentas de publicación e o gusto por pasear pola Rede e publicar contidos; agora xa non só en texto, senón tamén fotografías e vídeos, e non necesariamente dende o computador, xa que o móbil permite facelo dende calquera lugar. O nivel de actividade non creo que sexa motivo de fractura. Do mesmo xeito que nas comunidades reais houbo niveis diferentes de actividade: nin todo o mundo mandaba cartas ó director, nin tódolos mozos poñían todo o propio de seu no caderno persoal. O importante é que se coñezan as ferramentas, as redes, que cada un escolla e atope o seu espazo.

-Nos últimos anos estase a falar da participación cidadá a través dos novos medios, feito que acurtaría a distancia entre estes e os seus representantes políticos. Fronte a teses optimistas están outras pesimistas, en que ángulo se sitúa a súa opinión?
-Teño que amosarme optimista. Do mesmo xeito que a relación entre os cidadáns e a Administración converteuse nun dos principais motores da implantación da Sociedade da Información, será a mellora dos servizos públicos e a relación cos representantes políticos un dos aspectos que xerará confianza respecto ós beneficios que poidan achegar as TIC. Neste caso, non se tratará só de dixitalizar procesos e transaccións senón tamén de avanzar en novas fórmulas de relación que favorezan a interactividade coas persoas. Ferramentas xa comprobamos que non faltarán. No último aspecto, será o cambio mental dos propios políticos e o desenvolvemento de innovadoras fórmulas de participación e até de representación cidadá.

-Xornalistas e Internet, que papel deben desempeñan os medios de comunicación para fomenta-la sociedade do coñecemento aberto?
-Entendo que son os principias interesados. O concepto “aberto” non vai enfrontado a que non exista modelo de negocio. As experiencias dos últimos anos de medios que pecharon os seus contidos non avanzaron. Seguro que hai máis modelos de éxito con solucións abertas e colaborativas. Está claro que é diferente o papel da empresa á do xornalista. Respecto ó xornalista e ó coñecemento aberto, é equivalente ó autor que, sobre todo, procura a proxección do seu traballo. A liberdade de acceso á información está recoñecida como un dereito cidadán e o acceso libre ó coñecemento é outro dereito que se debe entender como fundamental.
-Vostede forma parte do Comité de Honra da terceira edición do Congreso Online do Observatorio para a Cibersociedade. Que lle suxire o título do evento “Coñecemento aberto, Sociedade libre”?
-Un dos temas de debate máis apaixonantes neste intre. É atractivo que se propoña como pregunta. Estou convencido de que a garantía do acceso aberto á información e á cultura é un elemento indispensable para conseguir unha nova sociedade, baseada na información e no coñecemento, que sexa máis xusta, cohesionada, sostible e, sobre todo, máis libre.

-Como cree que estes encontros inflúen no desenvolvemento da investigación da Sociedade da Coñecemento dentro e fóra de España?
-O alto nivel de participación dunha tipoloxía de investigadores, un pouco rara avis, xa é de por si un feito destacado. Durante unhas semanas prodúcese unha gran interconexión de redes e pensamento. Este tipo de convocatorias e debates dificilmente terán efectos inmediatos, a curto prazo, pero crean un alicerce que está a axudar a definir os novos modelos da Sociedade do Coñecemento. A orientación e conclusións dos congresos anteriores eran un anuncio do que acontecía ou ía a acontecer. Unha boa guía, para quen quixera escoitar, sobre cara a onde orientar as súas políticas.

PUBLICIDADE