As Xornadas sobre Videoxogo e Literatura poderán seguirse en streaming

luns, 31 de agosto do 2020 Fernando Sarasketa

Gardan dentro de si as novelas potencial para enriquecer o lecer interactivo? Poden os videoxogos ampliar os horizontes da literatura? Estas e outras preguntas serán respondidas ao detalle, con exemplos concretos de diálogo, confluencia e comunicación, no transcurso das Xornadas Videoxogo e Literatura que se celebran os días 11 e 12 de setembro no museo MARCO de Vigo. As xornadas foron presentadas este venres no auditorio do dito museo. Segundo se fixo saber, desenvolveranse baixo un epígrafe que pon as claras a vontade de xerar interactividade entre as dúas linguaxes creativas: Unha mirada transversal.
Os encontros, organizados Fundación Carlos Casares coa colaboración do Museo do Videoxogo de Cangas (MUVI) e mais Polygon-e Studios, contando co patrocinio do Concello de Vigo, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España, e a colaboración da Fundación MARCO e a axencia AGADIC, poderán seguirse a través de tecnoloxía streaming, e tamén de xeito presencial no auditorio do MARCO, previa inscrición, até completar un aforo de 26 persoas.
Na rolda de prensa interviu en primeiro lugar Gustavo Adolfo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares, que tras desculpar a ausencia de Luz Castro debido a “un compromiso de última hora”, salientou como un dos obxectivos do evento “a consolidación do foro de información, formación e debate da situación e perspectivas do sector do videoxogo, maiormente, na contorna do sistema cultural galego”. Segundo fixo saber con esta edición quérese poñer o foco nas influencias que a literatura tivo e ten nos videoxogos, asi como a que os videoxogos están exercendo na literatura. Asemade, engadiu, serán obxecto de debate os efectos sociais dos videoxogos, a problemática profesional.
Galo e Jacobo Martínez aproveitaron a súa intervención para anunciar que o Museo do Videoxogo de Cangas, MUVI, do que son co-fundadores, vén de converterse en fundación cultural galega. Amais, lembraron que a mostra A historia dos videoxogos en 360º, poderá visitarse in situ a partir da vindeira semana, e de forma virtual a partir do 7 de setembro na páxina web do evento. Tamén recordaron que durante os días de xornadas, “coas debidas medidas hixiénico-sanitarias”, os responsábeis do MUVI conducirán senllas visitas guiadas á mostra adicada aos grandes fitos dos videoxogos desenvolvidos en Galicia.
Pola súa banda, Miguel Areán, xerente de Polygon-e Studios, falou do programa das xornadas, resaltando o nivel profesional dalgúns dos convidados e temas das súas intervencións. Entre outros, estará David Ferriz, co-fundador, deseñador de xogo e artista gráfico en DevilishGames, e creador de Path to Mnemosyne; María Fernández, creadora de videoxogos e embaixadora de Women in Games; Onésimo Juncos, experto en Neurociencia Cognitiva Aplicada e mais en Psicoxerontología; Concepción González, responsábel de desenvolvemento en Electronic Arts, e antiga xefa de proxecto en Ubisoft e Blizzard; e Gilberto Sánchez, director académico da área de Videoxogos da U TAD e coordinador de área de industria en FEVeS (Federación Española de Videojuegos e eSports).

PUBLICIDADE