As Vision Pro chegan ás tendas estadounidenses

venres, 2 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Tim Cook confía no éxito das Vision Pro

Hoxe é un día histórico para Apple, pois finalmente chega ás tendas o seu visor de realidade estendida, cun prezo de saída de 3.499 dólares (aos que habería que engadir impostos e, probablemente, algún accesorio), o que semella que será unha barreira moi grande para a súa adopción masiva, o que non impediu que tivese unhas fortes reservas (fálase da posibilidade de que xa se vendesen 200 mil unidades).
Agora queda por ver a resposta do público dun produto que a crítica describe como o máis avanzado do mercado, o que non quere dicir que sexa perfecto, pois ten serias limitacións e moitas cousas que mellorar, polo que temos que velo simplemente como o primeiro capítulo da historia do que Apple chama computación espacial (para que o vexamos como algo novo, cando realmente esteamos ante unha tecnoloxía que leva unha década en fase comercial).
O máximo responsable de Apple, Tim Cook, confía en que as Apple Vision Pro poidan mudar o xeito no que vivimos e traballamos, aínda que o grande atranco que segue a ter este tipo de tecnoloxía é que non pode saberse que é para nós sen probala, xa que as fotografías e os vídeos non son capaces de transmitir a inmersión que poden conseguir a realidade virtual e a realidade estendida. Tamén serán chave para o éxito os desenvolvementos de terceiros, pois até o momento só temos unha tecnoloxía impresionante (como foi no seu día o iPhone) e agora queda que xurdan aplicacións e servizos que tiren proveito das súas posibilidades para que esta gama de produtos manteña a súa evolución até converterse nunha auténtica revolución.

Sen deixar de lado a intelixencia artificial

O lanzamento das Apple Vision Pro vese por moitos como unha cortina de fume para desviar a atención do feito de que a compañía de Cupertino está fóra da carreira pola IA na que actualmente están compañías como Microsoft, Google e Meta. Non porque Apple non teña grandes desenvolvementos en IA (que os ten), senón porque non ten resultados visibles dos seus traballos en IA xenerativa e modelos de linguaxe, que son as faces da IA que están de actualidade.
Pero Tim Cook quixo tranquilizar aos accionistas de Apple, e onte mesmo adiantoulles que ao longo do presente ano anunciarán os seus avances en IA xenerativa, dando a entender que o vindeiro iPhone contará con numerosas funcións semellantes ás que puidemos ver cos últimos móbiles de Samsung.
O retraso de Apple en chegar á competición da IA xenerativa pode non ser un problema, xa que chega nun momento na que os modelos empregados están o suficientemente avanzados como para que existan versións reducidas que poden executarse en local, encaixando coa política de Apple de apostar pola privacidade e minimizar ao máximo o procesamento de datos en servidores na nube.