As Tartarugas Mutantes inician hoxe a defensa de Manhattan

martes, 24 de maio do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro venres espérase que chegue ás tendas de videoxogos Teenage Mutants Ninja Turtles: Mutantes en Manhattan, último xogo das Tartarugas Mutantes, que poderemos atopar en formato físico para Xbox 360, Xbox One, PS3 e PS4, pero que xa podemos adquirir en formato descargable para PC e para Xbox One (mentres que a versión de PS4 tamén se fará agardar até o venres).
Estamos ante un xogo que, en vez de basearse na versión cinematográfica dos personaxes, opta por unha aparencia máis próxima á serie de animación e á banda deseñada, coa fortuna de que desta volta non estamos ante unha adaptación dun filme (ou sexa, que non ten nada que ver coa película que chegará aos cines no mes de xuño) senón que trátase dun xogo desenvolvido por PlatinumGames, de xeito que estamos ante un trepidante xogo de acción pura, na que Leonardo, Raphael, Donatello e Michelangelo deberá combater contra os soldados do Clan do Pé, mutantes e incluso alieníxenas, protexendo a cidade de New York.
O xogo é un beat’em up en terceira persoa que pode xogarse de xeito individual ou cun modo en liña cooperativo na que até catro persoas poden xuntar forzas para derrotar a algúns dos inimigos máis recoñecibles polos seareiros desta franquía como Bebop, Rocksteady, Krang ou o malvado Desfibrador.
Como vén a ser habitual nestes xogos, cada tartaruga ten o seu estilo de xogo, definido en boa medida pola arma que emprega, e aínda que estamos ante un xogo tridimensional, emprega a técnica do cel shading para conseguir aparencia de debuxo animado, conseguindo así un toque gráfico moi característico.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE