As PEME terán ao seu alcance un novo programa de internacionalización dixital

venres, 20 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, avanzou este xoves 19, na entrega da terceira edición do premio Galicia Global, que o Goberno galego vai engadir un novo e importante recurso aos plans e iniciativas para favorecer a presenza no mundo das nosas empresas. Trátase, dixo, “dun novo programa para impulsar a internacionalización dixital das PEME”, inserido na estratexia Galicia Exporta, que na súa vindeira edición tamén será obxectivo dun fortalecemento análogo (un 40% máis de investimento que na anterior convocatoria). O obxectivo do programa dixital non se vai limitar a favorecer o acceso aos mercados mundiais, senón tamén a promover a diversificación dos destinos de vendas.
Polo que respecta a Galicia Exporta, é como dixemos un plan para impulsar e favorecer a presenza no mundo das nosas empresas (os plans que xestionan 35 agrupacións empresariais da nosa terra). Vén da man do IGAPE (Consellería de Economía) e mobiliza centos de empresas (a previsión este pasado verán era mobilizar unhas 480 firmas da nosa terra) en actividades a realizar en ducias de países (arredor de tres ducias deles na convocatoria vixente). As Tecnoloxías da Información e a Comunicación, xunto co audiovisual, o naval, alimentación, o téxtil e o motor, son os seus eidos prioritarios. A axenda de accións da convocatoria de 2019 incluíu misións comerciais ou alianzas de cooperación para o estudo de mercados: preto de 200 accións.

PUBLICIDADE