As Oculus Rift baixan temporalmente de prezo para atraer a novos usuarios

luns, 10 de xullo do 2017 Marcus Fernández

As solucións de realidade virtual para o ordenador non só precisan dun equipo informático moi potente, senón tamén de facer un grande investimento económico, pois lembremos que os cascos de Oculus Rift chegaron o ano pasado a Europa a un prezo de 699 euros, aos que habería que engadir logo un mandos para facilitar o seu control (os Oculus Touch que custaban uns 200 euros) polo que a introdución na realidade virtual precisa dun salto de fe difícil de dar, de aí que este verán decidisen lanzar unha grande oferta por tempo limitado: as Rift con Touch por só 449 euros (ou os Oculus Touch por só 119 euros).
Esta rebaixa temporal permite que os consumidores e desenvolvedores que aínda non se animaran a adquirir un sistema completa de realidade virtual para o seu equipo informático se animen a dar tal paso. Cómpre salientar que a experiencia que ofrece a realidade virtual en ordenadores é moi superior á de plataformas como PlayStation VR, non só pola potencia do equipo que está tras o casco de VR, senón tamén polo feito de completarse con mandos con control por movemento que permiten introducir as mans do usuario nos mundos virtuais para unha maior interacción, facilitando así mover obxectos ou esculpir en tres dimensións en vez de gozar da experiencia máis pasiva da solución de Sony.
Dado que Oculus é unha das plataformas de VR pioneiras conta tanto con multitude de xogos (Batman: Arkham VR, Star Trek: Bridge Crew, Robo Recall...) como de experiencias interactivas e aplicacións sociais (Facebook Spaces). Un total de máis de medio milleiro de aplicacións dispoñibles que fai que introducirse na realidade virtual non sexa ir parar a un ermo, senón que teremos unha ampla oferta de contidos que, aínda que teñen unha clara vocación experimental, poden xustificar en moitos casos o converterse nun early adopter dunha tecnoloxía con moito potencial de futuro.

Vídeo promocional da baixada de prezo temporal de Oculus Rift + Touch

PUBLICIDADE