As Oculus Quest 2 servirán como casco de realidade virtual autónomo e para PC

xoves, 17 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Dende Facebook celebran por fin o seu evento anual dedicado ás tecnoloxías de realidade virtual e realidade aumentada, que desta volta xirou en boa medida ao redor da presentación das Oculus Quest 2, o novo casco de realidade virtual que desta volta é máis ambicioso que nunca, xa que preséntase como unha solución autónoma sen fíos que, valéndose dun cable, pode transformarse nun casco de realidade virtual para ordenadores persoais cun nivel de calidade tal que fai que non vaiamos ver unha nova xeración cos cascos Oculus Rift.
As novas Oculus Quest 2 poden xa reservarse a un prezo de 349 euros cun almacenamento interno de 64 GB, mentres que por 449 euros podemos facernos coa versión de 256 GB, sendo importante indicar que estarán dispoñibles a través da páxina web de Oculus e na tenda en liña de Amazon. Cómpre lembrar que a primeira edición das Quest tivo problemas de abastecemento constantes, polo que o interesados en facerse con este produto farían ben en compralo anticipadamente, estando previsto que as entregas comecen a realizarse o 13 de outubro.
O novo casco de realidade virtual está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon XR2, 6 GB de RAM, novas pantallas con 1.832 x 1.920 píxeles por ollo (o que supón unha mellora de resolución do 50%) e unha velocidade de refresco de 90 Hz. Os seus mandos tamén mudaron lixeiramente para contar cunha mellor autonomía.
Este casco tamén permite o axuste da distancia interpupilar (conta con 3 posicións) e conta con diversos accesorios que facilitan o axuste do casco de distintos xeitos para que resulte confortable incluso empregando lentes.
A redución do prezo en 100 euros con respecto á anterior xeración das Quest pode axudar á popularización desta solución que, ao poder aproveitarse como casto de realidade virtual para PC é un dos produtos máis atractivos do mercado, o que podería contribuír a unha mellor implantación da realidade virtual, algo moi necesario para que os avances cara a unha realidade aumentada solvente non se eternicen.

As Oculus Quest 2 son unha solución de realidade virtual que non precisa de ordenador nin de sensores externos para o seu funcionamento
As Oculus Quest 2 son unha solución de realidade virtual autónoma que contan con numerosos accesorios para convertelas no grande referente dentro do seu ámbito

PUBLICIDADE