As JAI aprazan para 2021 unha nova edición con grandes novidades dixitais
luns, 25 de maio do 2020
As
Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización
Industrial da Universidade de Vigo, un dos grandes referentes galegos
en materia de Industria 4.0, tendendo pontes firmes de transferencia
e emprego entre os campus e as empresas, non poderán realizarse este
ano por mor das actuais circunstancias sanitarias e ante “a falta
de garantías de que poidan celebrarse con normalidade”. Así,
tomouse a decisión de adialas para 2021. Así
o comunicou o comité organizador das xornadas JAI a semana pasada,
comité no que se atopa o gran impulsor do histórico evento, José
Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas
e Automática.
Segundo
fai saber, malia que se trata dunhas xornadas que os organizadores
planifican con moita antelación, “o verdadeiro esforzo realízase
nos últimos catro meses, por iso pensamos que agora era o mellor
momento para decidir se continuar adiante ou non”.
Para
a organización, está claro que non é posíbel desbotar novos
brotes da COVID-19 a partir de setembro, “o que repercutiría en
limitacións de aforo na escola ou provocaría incluso o peche dos
centros educativos”. Por estes motivos consideran que ser prudentes
e pospor o evento é a mellor opción. A día de hoxe as novas datas
de celebración están aínda por decidir, “pero creo que nos
decantaremos por algunha semana do segundo semestre de 2021 como
punto de partida”, engade Armesto.
Xemelgo
dixital
Na
programación de actividades para esta edición estaban previstas
múltiples conferencias sobre robótica, automatización, Internet
das Cousas (IoT), comunicación industrial, seguridade, eficiencia
enerxética... Así como tamén o coñecido show room, un
espazo no que os diferentes fabricantes expoñen os seus novos
inventos e, como principal novidade, as denominadas link2talk,
reunións privadas nas que estaba previsto que as persoas interesadas
nalgunha das conferencias tivesen a oportunidade de afondar no tema
co propio relator nun encontro xa máis reducido.
Ante
o cambio de plans, desde a organización valoran a posibilidade de
sumar a devandito a creación dunha réplica dixital das xornadas que
permita que se convertan nun “evento internacional, pioneiro e de
referencia no sector para todo o mundo de fala hispana”. As
dimensións das JAI, di Armest, non terían límites no mundo
dixital.
A
idea é implantar un xemelgo da propia escola no que replicar
dixitalmente tanto as actividades desenvolvidas no salón de actos
como as que se levan a cabo na entrada principal. Deste xeito, en
colaboración coa empresa Teltek e UVigoTV fixeron unha proba de
concepto funcional que xa lles presentaron ás firmas participantes,
que coincidiron na “grande oportunidade que suporía este novo
sistema de difusión”.
No
que atinxe ás firmas participantes, estímase que todas elas
manterán o seu compromiso coas xornadas, non só as que tiñan
previsto incorporarse nesta edición (HMS Networks, Ifm, Lapp,
Panasonic, Pepperl+Fuchs, Schunk, Weidmüller ou Yaskawa, entre
outras), senón tamén, por suposto, as veteranas do evento, entre as
que se contan Rockwell Automation, Scheneider Electric, Siemens ou
Phoenix Contact.