As HTC Vive baixan 200 euros o seu prezo
luns, 21 de agosto do 2017
Os
sistemas de realidade virtual para equipos informáticos continúan a ter serios
problemas para popularizarse, sendo o prezo un dos grandes atrancos que
atopamos para facernos dun dos cascos de realidade virtual, o que dende Oculus
quixeron solucionar rebaixando
temporalmente as súas Rift con Touch a só 449 euros, e ao que HTC parece
responder cunha baixada de prezo de 200 euros, ou sexa, que o lote completo de
HTC Vive (con todos os seus sensores) pasa
dos 899 aos 699 euros, o que continúa a ser un prezo bastante elevado, pero
fai máis asumible a tecnoloxía que actualmente está a considerarse como a máis
completa dentro da realidade virtual de consumo.
A diferenza de prezo entre HTC Vive e Oculus Rift continúa a ser moi elevada,
pero no caso de HTC Vive cómpre salientar que a súa tecnoloxía non só está
pensada para que o usuario estea sentado gozando da realidade virtual, senón
que conta con sensores para rexistrar os movementos dentro dun espazo, ampliando
a experiencia virtual enormemente, conseguindo unha inmersión moi superior e a
posibilidade de realizar moitas outras tarefas que con Oculus Rift ou PlayStation
VR serían imposibles, de aí que actualmente HTC sexa a compañía líder á hora de
equipar tecnoloxía VR para proxectos recreativos.
Cómpre salientar que os prezos destes produtos son moito máis asumibles nos
EE.UU., onde pode adquirirse agora o sistema de HTC Vive por 599 dólares (507
euros), de xeito que a diferenza de prezo entre ambos lados do Atlántico é
bastante superior ao que suporía a aplicación do IVE. Incluso no Reino Unido as
HTC Vive baixaron a 599 libras (654 euros) o que continúa a ser un prezo
inferior ao que temos que soportar no resto de Europa, de aí que non resulte sorprendente
que exista todo un mercado gris ao
redor deste tipo de produtos.