As Bibliotecas da Coruña axudan ás persoas en risco a facer trámites online
luns, 23 de novembro do 2020
Co
fin de rachar coas barreiras dixitais que (agora máis ca nunca coa
crise económica e social da COVID) separan ás persoas con recursos
para vivir online das que non dispoñen deles, as
Bibliotecas Municipais da Coruña ofrecen un servizo de consulta para
axudar aos cidadáns vulnerábeis cos trámites en liña. O
obxectivo é “contribuír coas novas competencias a axudar a paliar
a situación actual que está a ameazar os colectivos en risco”.
Segundo
lembra o Concello da Coruña, o proceso de dixitalización dos
trámites administrativos impulsado polas medidas fronte á crise
sanitaria está a aumentar a fenda dixital entre os colectivos máis
vulnerábeis, que ao mesmo tempo viron como se incrementou a urxencia
para realizaren online todo tipo de procedementos dirixidos a
recibir servizos básicos. En base a este problema, o Concello e as
Bibliotecas Municipais da Coruña acordaron subministrar atención
tecnolóxica para a resolución de dúbidas e problemas, tanto para
tramitar en liña prestacións sociais básicas como para obter os
documentos e certificados esixidos. A alcaldesa e responsable de
Cultura, Inés Rey, sinalou que cómpre evitar que se produzan máis
desigualdades e “desde o Concello poremos ao dispor das coruñesas
e coruñeses todos os medios para lles resolver calquera tipo de
xestión e que non queden atrás”.
En
cada Biblioteca Municipal da cidade unha persoa experta atenderá de
xeito persoal e individual as cuestións que puideran xurdir neste
ámbito, como tamén as referidas a outros aspectos tecnolóxicos
como son os dispositivos electrónicos, redes sociais, ferramentas,
páxinas web etc.