Arteixo Telecom lanza o primeiro módem PLC ultra-rápido desenvolvido en España

martes, 22 de decembro do 2009 Raquel Noya

Dende agora, acceder a servizos de Internet, televisión, música, xogos ou outros servizos de entretenemento dende calquera punto do fogar ou da oficina sen ter que andar a tropezar con molestos cables e a unha velocidade nada desprezable de ata 1 xigabit por segunto (Xbps) xa é posible grazas ao último módem desenvolvido e presentado pola galega Arteixo Telecom.
Trátase do módem PLC ultra-rápido, unha ferramenta que supera amplamente a velocidade de conexión de solucións similares dispoñibles ata o momento no mercado e do primeiro destas características que se desenvolve e fabrica integramente en España.
Este dispositivo, que segundo indican os seus responsables “foi concibido para cubrir as esixencias da vindeira xeración de redes multimedia domésticas”, emprega a tecnoloxía PLC, que aproveita a rede eléctrica para convertela nunha liña dixital de alta velocidade para a transmisión de datos.
O módem PLC permite, entre outras cousas, conectar televisións, reprodutores ou gravadores de DVD, consolas de xogo... así como distribuir servizos de televisión dixital en alta definición ou asociarse a unha rede Wi-fi calquera.
Segundo palabras de Rafael Valcarce, presidente e director xeral de Arteixo Telecom, este lanzamento “ratifica a aposta da compañía pola innovación e impulsa a súa decisión de pensar en termos globais”.
Outras características a destacar deste trebello, que cumple coa regulación global de EMC, son que é compatible co Homeplg AV así como co estándar DNLA, o que permite empregalo con dispositivos UPnP.
O módem permite a conectividade con ata 8 dispositivos á vez.

PUBLICIDADE