Arrincou o Foro Tecnolóxico de Emprego da UVigo con máis de 400 estudantes inscritos

xoves, 4 de marzo do 2021 S. P.

Este mércores 3 de marzo abriu as súas portas (online) a primeira edición totalmente virtual do Foro Tecnolóxico de Emprego. Fíxoo, da man da Universidade de Vigo, con máis de 400 estudantes participando. Tralo éxito desta edición primeiramente dixital (a convocatoria XXI) atópanse longos meses de traballo para adaptar o formato previo a un formato seguro e sen barreiras. Un equipo formado por 39 estudantes das tres escolas de Enxeñaría do Campus de Vigo (Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación) foi o encargado de levar a cabo este inxente labor.
En total, nesta cita que se estende ata este venres participan arredor de 40 empresas, entre as que se encontran R, Deloitte, Repsol, Coca-Cola, Feuga, Imatia e Optare Solutions. A estas vellas coñecidas sumáronse este ano a tecnolóxica galega Emetel, especializada en proxectos de dixitalización de procesos de negocio e ciberseguridade, e máis KPMG, asesoría e consultaría.
No que respecta ao alumando participante, antes do inicio da xornada o Foro Tecnolóxico de Emprego contaba con máis de 400 inscritos, aínda que como explica a coordinadora do foro Laura Andrés, “agardamos que as cifras se vaian incrementando a medida que avance o evento”.
A mañá do mércores arrancou con varias sesións de demostración de empresas como PWC, Brainport Eindhoven, Norvento Enerxía, Accenture e Repsol e un relatorio da man de FINSA. Tras esta primeira toma de contacto tivo lugar o acto oficial de inauguración, no que o reitor Manuel Reigosa felicitou á organización “polo seu traballo paseniño de todo o ano” preparando unhas xornadas que “estou seguro que van servir para que os nosos estudantes entren en contacto coas empresas do sector, para que propoñan o seu futuro profesional e tamén para que aprendan unha serie de habilidades que lle van ser moi útiles ao longo de toda a vida”. O reitor tamén agradeceu ás empresas “que apostaron se sempre e ás que apostan nesta edición por achegarse á Universidade de Vigo para ter un contacto directo co talento que agroma nas nosas aulas”.
Un programa adaptado á modalidade non presencial
O programa para estes tres días tratará de asemellarse na medida do posíbel ás anteriores edicións do foro. Así, a organización recreou a feira nunha plataforma dixital onde as persoas inscritas poden acceder a un vestíbulo virtual no que as empresas contan cun posto informativo no que atenden aos estudantes, informan sobre as súas ofertas de emprego e tamén recollen os currículos. A plataforma tamén permite desenvolver de xeito interactivo os obradoiros e conferencias, de xeito que o alumnado pode preguntar e consultar dúbidas aos poñentes.

PUBLICIDADE