Arrinca en Santiago a edición da Maker Faire Galicia máis completa de proxectos

xoves, 1 de xuño do 2023 S. P.

Este xoves 1 de xuño abriu as súas portas no Museo do Gaiás (Cidade da Cultura) a feira Maker Faire Galicia, a cita de referencia para a comunidade argallleira galega, estatal e internacional. Desta volta, a organización (Vermis Project co apoio de entidades como o Concello de Santiago ou a Xunta) preparou unha programación que bate récords en proxectos, obradoiros e conferencias. En total, máis de 70 proxectos e 300 makers, máis de 40 obradoiros e máis de 20 charlas, tanto en liña como presenciais, formarán parte da axenda de actividades. A feira foi inaugurada polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen enxalzou o importante traballo creativo e divulgador dos makers, “figuras clave da transformación dixital e sustentábel de Galicia”.
Na inauguración Conde subliñou que “o futuro pasa polo talento e pola innovación, e que ese talento e esa innovación poidan impregnar todo o ecosistema que temos aquí en Galicia”. Tamén que a celebración en Galicia da Maker Faire contribúe a motivar o talento galego, destacando a importancia da participación neste encontro de “empresas tractoras, alumnos de formación profesional e xente que xa ten a súa iniciativa e está intentando achegar solucións innovadoras”.
Primeira xornada
A primeira xornada, a deste xoves, está dedicada á industria, presentando charlas inspiradoras e coñecementos de expertos en diferentes eidos. Dimitris Petrotos presentará o seu proxecto Laddroller, centrado na mobilidade sen barreiras. A mesa redonda Dilemas éticos na Intelixencia Artificial contará coa participación de Amparo Alonso, Bárbara Román de Nolegaltech e Ana Mª Alonso. Da innovación en biotecnoloxía tamén se falará con Eldara Rodríguez Cobo, responsábel de innovación de Nanogap, Alvaro Goyanes, director e co-fundador de FabRx, Patricia Fraga María de DIH DATAlife e Julio Martínez Rumbo, Project Manager do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). No eido da enerxía, David Buceta, CTO de NANOGAP, presentará Hysun, un proxecto que pretende revolucionar a xeración de hidróxeno renovábel. Ademais, haberá un concurso de proxectos e un concerto de plantas que promete ser espectacular.
O segundo día
O 2 de xuño a xornada estará centrada na educación, coa participación de referentes destacados. O mozo maker Samu falará da arte como forma de expresión e comunicación. Eva Cabanelas abordará a importancia da divulgación científica. Esther e Diego, finalistas do Stockholm Junior Water Prize (#SJWP) presentarán o seu proxecto Nunca choveu que non escampara. Amais, contarase coa experiencia de Pablo de Miguel Morales de Autofabricantes, Jorge Sánchez López (Simón), enxeñeiro e co-director do Centro CeLeO, Xoan España, director xeral e Transformación de Amicos e Pablo Vilariño, instrutor de Tiflotecnoloxía e Braille da ONCE, moderados pola xornalista Selina Otero, que guiará a conversa e facilitará o intercambio de coñecementos sobre inclusión e accesibilidade na comunidade argalleira.
Os dous últimos días, o 3 e o 4 de xuño, estarán abertos a todos os públicos. Durante estes días, os asistentes poderán explorar o mundo dos brazos electrónicos, mergullarse nas páxinas da revista AI-GEN, descubrir a fusión entre arte e tecnoloxía con Rubén Ramos Balsa, afondar na domótica, interactuar co poderoso Chat GPT e marabíllarse coa maxia da impresión 3D.
O sábado día 3 dedicarase unha parte importante da xornada ao emprendemento social, con destacados relatores que abordarán temas fundamentais para promover o emprendemento con impacto social. Destacarase a importancia da inclusión, a sustentabilidade e a innovación neste ámbito. Dirixido por Víctor Grande, guionista e presentador, o acto contará coa participación de Celso Gándara, xerente de Algalia e presidente de Foroesgal; Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia; Margarita Ardao, directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia; Pablo de Miguel Morales, de Autofabricantes; Ana Olveira, de Abeluria Coop; Lorena Quintás, de Xogo de Fíos e representantes de destacadas organizacións como Grovemakers, Skeirrum, Ecos do Sur, Despunte e Cogami-Galega Economía Social.
Tamén durante a fin de semana destaca este ano o espazo dedicado aos videoxogos e o Hackathon de Tecnoloxías de Apoio, onde os participantes traballarán en equipo para buscar solucións aos retos propostos por entidades como a ONCE, ASPACE Coruña ou COGAMI Galicia.

PUBLICIDADE