Arrinca a segunda edición do curso de especialista en 5G organizado pola EE de Telecomunicación

luns, 18 de xaneiro do 2021 S. P.

A semana pasada arrincou no Campus de Vigo a segunda edición do curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración organizado pola Escola e Enxeñaría de Telecomunicación. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do Plan Galicia 5G, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para consolidar a nosa terra na vangarda do novo estándar de telefonía móbil. No marco do plan, a escola e o centro AtlantTIC crearon tamén o Laboratorio de 5G .
Segundo lembrou a Universidade con motivo do arrinque do dito curso, o novo estándar de telefonía caracterízase por “unha maior velocidade na subida e baixada de contidos, unha menor latencia, a xestión dun gran número de dispositivos por quilómetro cadrado, a adaptación ás necesidades do usuario e a computación ao borde da rede”. Esta evolución tecnolóxica está no xermolo da actividade formativa, posto que “é preciso reciclar profesionais do sector de telefonía móbil celular nas características innovadoras do 5G e completar a formación de titulados de grao do eido da Enxeñaría de Telecomunicación ou da informática, especializándoos en 5G”, engade a UVigo.
A segunda edición, coordinada polo director da escola, Íñigo Cuiñas, comprende un programa formativo de 200 horas que, por mor da crise da COVID-19, impártense en modalidade virtual. Tamén se apostou pola flexibilidade e a adaptación para facilitar e favorecer a compatibilidade da docencia co exercicio profesional. Das 20 persoas inscritas, 16 son profesionais en activo.

Participantes na anterior edición do curso

A primeira edición do curso tivo, segundo o director da escola, “un balance moi positivo” e os 25 alumnos “quedaron satisfeitos e animáronnos a repetir a experiencia este ano”.
Cuiñas destaca que a posta en marcha deste programa “é un paso na necesaria implantación de programas de aprendizaxe ao longo da vida (long-life learning) na Universidade en xeral e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en particular, xa que o ámbito no que nos movemos, as tecnoloxías evolucionan rapidamente e as persoas que fan investigación relacionada con estas novidades son valiosas para axudar aos profesionais na súa adaptación e reciclaxe”.
Das 200 horas de docencia, 100 corresponden á formación teórica, que se desenvolve entre xaneiro e abril, e as outras 100 á realización do proxecto fin de curso.
Respecto á primeira edición, a principal novidade é que “todas as clases serán en liña, apoiadas nas aulas virtuais de Campus Remoto”.
Respecto ao profesorado, incrementouse o peso dos docentes alleos á UVigo, que impartirán o 45% das horas de clase, procedentes de empresas do sector, tanto operadoras como Telefónica, Vodafone e Orange; provedores de equipamento como Nokia, Ericsson ou Huawei; centros tecnolóxicos como o CTAG e Gradiant; e usuarios como PSA ou o Sergas.
O outro 55% da docencia será impartido por docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
O programa abrangue módulos teóricos de introdución á 5G, o sector radio, a codificación e as modulacións, a capa de rede, a seguridade nas comunicacións e o estudo de casos de aplicación desta tecnoloxía en, por exemplo, os vehículos conectados e o transporte; o control de infraestruturas e servizos críticos; o control de dispositivos remotos ou as redes de sensores para a Industria 4.0.

PUBLICIDADE