Arranca en Santiago o proxecto piloto de reserva de praza de aparcamento a través do móbil
luns, 16 de febreiro do 2015
Dende este 16 de
febreiro e ao longo de tres meses, o Concello de Santiago vai manter
en activo unha proba piloto para tirarlle partido á aplicación
galega Apparcar, da que xa
temos falado en Código Cero salientando a súa participación na
aceleradora tecnolóxica Wayra (Telefónica) como unha das máis
innovadoras do Estado e destacando tamén as súa principal vantaxe:
é unha ferramenta de balde para móbiles que permite aos condutores
atopar a praza de estacionamento libre máis próxima ao seu destino
na rúa e reservala con tan só un clic. Segundo
informou o Concello de Santiago, a proba piloto de reserva de
estacionamento mediante o noso móbil desenvolverase na avenida de
Barcelona. Haberá 36
prazas dispoñíbeis,
gratis,
nun horario de 7:00 a 14:00 horas. “Os condutores que baixen a
aplicación, tamén de balde, poderán buscar en tempo real as prazas
libres nesta rúa, reservalas e aparcar”,
sinalou o Goberno local.
Na presentación de
Apparcar en Santiago participaron o concelleiro de Mobilidade,
Alejandro Sánchez-Brunete, o responsábel municipal do Departamento
de Innovación, Fernando Suárez; o xefe de vendas de Administración
Local de Telefónica, Roberto Vázquez; e do conselleiro delegado de
Apparcar, José Luis Eirós, creador da aplicación. Segundo apuntou
Sánchez-Brunete, a aplicación pon ao alcance da man dos condutores
“unha solución intelixente a un problema, o do estacionamento, que
supón “non só un problema de espazo, senón de tempo”. Na súa
opinión, con esta proba piloto e a súa previsíbel adaptación
vindeira a outras rúas e contornas da cidade (cousa que dependerá
en última instancia do estudo dos datos reais sobre comportamentos
de mobilidade que subministre a experiencia na avenida de Barcelona),
Santiago emprázase “na vangarda das cidades estatais en materia de
modelos intelixentes de xestión do estacionamento en superficie”.
Como dixemos,
Apparcar é
unha aplicación galega que
permite aos condutores atopar a praza de estacionamento libre máis
próxima ao seu destino na rúa e reservala con tan solo un clic.
Segundo fixo saber o
conselleiro delegado da empresa responsábel do seu desenvolvemento,
José Luis Eirós, “propón
un novo modelo de xestión do aparcamento público en superficie, que
ofrece información en tempo real e a través de algoritmos, do
estado de ocupación de cada praza, permitindo tomar decisións
baseadas en datos e non na intuición ou na sorte”.
O seu
funcionamento, sinalan dende
a empresa, “é sinxelo e
moi similar ao empregado para a xestión de reservas de butacas en
teatros ou cines”. E
engaden: “Permite coñecer,
sen necesidade de sensores e en función de se foron ou non
reservadas as prazas, a oferta de estacionamento dispoñíbel”.
Sobre a súa adaptación
á rúa que servirá de escenario á proba piloto, o Concello apuntou
que previamente á posta en marcha da aplicación as 36 prazas da
avenida de Barcelona foron delimitadas, numeradas e identificadas.
Isto acompáñase de medidas como a inclusión de sinais verticais
que determinan até onde chega a zona de aparcamento piloto, a súa
área concreta.
No que atinxe ao seu
funcionamento, tanto o Concello como os creadores de Apparcar
coinciden na sinxeleza da metodoloxía a seguir. Así, unha vez
descargada a ferramenta, o móbil mesmo será quen tome a iniciativa,
detectando coa axuda do seu GPS cando o condutor está preto do
destino indicado, preguntando deseguido se desexa facer efectiva a
reserva e por canto tempo. Se a praza que se nos recomenda está
ocupada por outro vehículo sen reserva, poderemos informar desta
incidencia e mobilizar a un controlador do Concello para que a
comprobe. Sexa como sexa, unha vez constada a ocupación da praza, o
sistema asignaranos outra nova de maneira automática.
Volvendo á figura
do controlador, o Goberno local de Santiago indicou que durante a
integración e afianzamento do sistema á contorna urbana, haberá un
equipo de traballadores informando aos condutores das metodoloxías a
seguir para tirar partido do sistema de aparcamento. Tamén
verificarán que as prazas son usadas por quen previamente as
reservou. Segundo informou o Concello, “permitirase
un máximo de 180 minutos de aparcamento continuado e a reserva só
se poderá realizar dende unha distancia límite de 2 quilómetros á
devandita avenida de Barcelona”.
A aplicación pode
descargarse gratuitamente tanto para iOS
como para Android.