Apple usa TikTok para promocionar o iPhone 12 mini

mércores, 25 de novembro do 2020 Marcus Fernández

A presenza de Apple nas redes sociais case nula, limitándose habitualmente a lanzar algunhas campañas promocionais acompañando a grandes lanzamentos, de aí que sexa toda unha sorpresa que estean a facer uso da súa conta de TikTok, dende a que están a lanzar vídeos promocionais do iPhone 12 mini protagonizados por celebridades desta plataforma como Zack King, Kevin Parry, Julian Bass e Jessica Wang (destacando especialmente Zack King, que é unha das tres persoas con máis de 50 millóns de seareiros en TikTok).
A conta de Apple levaba uns meses presente en TikTok sen contidos e con moi poucos seareiros (aínda que si co selo de verificación que deixaba claro que estabamos ante unha conta oficial) e o lanzamento desta promoción con influencers está a valerlle o conseguir centos de milleiros de seareiros. Desta volta a campaña baséase en trucos nos que se ve como os protagonistas encollen cousas para finalmente encoller un iPhone 12 Pro nun iPhone 12 mini, co que podemos entender que Apple quere popularizar o seu novo móbil máis cativo (e económico) entre o público mozo.
Dá a impresión de que Apple quixo evitar lanzar este tipo de promoción antes pola presenza de Trump na Casa Branca, xa que a súa administración estaba a loitar contra a presenza de TikTok nos EE.UU., e incluso pretendeu expulsar a aplicación das tendas dixitais para impedir o seu uso.
Queda agora por ver se esta actividade en TikTok por parte de Apple é unha anécdota ou manterase no tempo como un xeito de comunicarse cos consumidores máis novos.

PUBLICIDADE