Apple renova os seus reprodutores multimedia
mércores 1 de setembro do 2010, por |
A
pasada tarde Apple realizou unha importante presentación
musical na que deron a coñecer a renovación da súa gama de reprodutores
multimedia (coa excepción do iPod Classic) xunto con outros anuncios da
compañía de Cupertino, no que foi un evento con poucas sorpresas, pois a
meirande parte das novidades correspondéronse con bastante precisión cos
rumores dos últimos días.
Entre
as primeiras novas anunciadas por Steve Jobs estaba o iOS 4.1, a renovación
do sistema operativo do iPhone, que busca arranxar problemas co sensor de
proximidade e optimizar o seu funcionamento nos vellos iPhone 3G (cos que
rexistráronse moitos problemas de rendemento ao actualizar a iOS 4),
aproveitándose a actualización para presentar o Game Center, unha plataforma de
xogos multi-usuario, e a tecnoloxía HDR que consiste na toma de dúas
fotografías co móbil (unha con pouca luz e outra sobreexposta) para realizar
unha combinación das mesmas acadando uns resultados bastante satisfactorios
(aínda que tamén será posible obter unha fotografía ordinaria).
No tocante o iPad, Jobs anunciou que en novembro contará cunha actualización
directa a iOS 4.2, que achegará a multi-tarefa ao trebello con pantalla de 9.7
polgadas de Apple, con outras novidades como a impresión sen fíos e o AirPlay
(un sistema de streaming audiovisual
dende o ordenador).
Volvendo aos reprodutores multimedia básicos, o iPod shuffle chega á súa cuarta
xeración, reducindo o seu tamaño, retomando os botóns de control (cun panel moi
semellante ao dos anteriores iPod nano ou ao dos iPod shuffle orixinais), incorporando listaxe de reprodución e
levando a súa autonomía ata as 15 horas. Ten unha capacidade de 2 Gb e o seu
prezo é de 49 euros.
O iPod nano é posiblemente o
reprodutor que máis mudou nos últimos tempos, retomando unha aparencia cadrada
(37,5 x 40,9 milímetros) e incorporando unha pinza (o que o asemella
excesivamente ao iPod shuffle) e unha pantalla táctil de 1,54 polgadas cunha
resolución de 240 x 240 píxeles. Custará 159 euros no seu modelo de 8 Gb e 189
euros o de 16 Gb, aínda que non sería de sorprender que moitos usuarios
preferisen facerse co modelo actual, xa que esta revisión prescinde da cámara
integrada (aínda que conserva a radio FM) e da reprodución de vídeo.
Unha renovación que si parecía anunciada era a correspondente ao iPod Touch, que finalmente
convértese nun iPhone 4 sen conectividade 3G, GPS e compás (o que permítelle
adelgazar en peso e grosor), pois incorpora pantalla Retina, cámaras HD e VGA,
permite o uso de FaceTime, xiroscopio e procesador Apple A4. Promete ata 40
horas de autonomía para a reprodución musical e 7 horas para vídeo. O seu prezo
será de 229, 299 e 399 euros para as súas capacidades de 8, 32 e 64 Gb.
Jobs destacou a forza que estaban a coller os videoxogos no iPod Touch,
asegurando que grazas a tal éxito o iOS estaba a superar á Nintendo DS e á PSP
xuntas, aínda que tal afirmación sería moi discutible, pois non
fala do número de dispositivos, senón do número de xogos, o que non é unha
comparación aceptable, pois a plataforma de Apple conta con moitos xogos de balde
ou a prezos moi reducidos (sendo o habitual que custen uns 0,79 euros) mentres
que nas consolas portátiles predominan os xogos en soporte físico a prezos de
entre 20 e 40 euros (polo que en volume de negocio Apple ten aínda moito camiño
que percorrer).
Pero non só o hardware protagonizou o evento de Apple, senón que tamén houbo un
curruncho para iTunes, que chega
á súa versión 10, e incorpora unha rede social bautizada coma Ping e que permite características
semellantes ás que actualmente ten Spotify, permitindo seguir e ser seguido,
compartir listaxes de reprodución, cancións e opinións. Esta nova
funcionalidade estará presente tanto na versión de escritorio de iTunes coma no
iPod Touch e o iPhone. Coma curiosidade, o logotipo de aplicación mudou para
prescindir no mesmo dun Compact Disc que tiña de fondo, pois o soporte xa non
parece ser algo que o público asocie agora á música.

- O Apple TV, aparte de reducir o seu prezo, tamén fixo o propio co seu tamaño
Outro produto renovado por Apple, que finalmente non mudou de nome (pese aos
rumores), foi o Apple TV, que pasa de ser un reprodutor multimedia con disco
duro a un streamer puro (o que
permítelle unha baixada de prezo duns 70 euros ata quedar en 119 euros), ou
sexa, que serve para amosar no televisor do salón contidos multimedia
almacenados no ordenador ou alugados a través dun servizo en liña de Apple, que
nos EE.UU. ofrecerá series de televisión en alta definición por 99 centavos e
películas (o mesmo día do seu lanzamento en DVD) por 4,99 dólares, mentres que
a chegada de tal servizo a España aínda non ten data. Entendemos así que este
servizo non tería moito sentido apra o mercado español, pois é posible adquirir
dispositivos a prezos semellantes que teñen maior compatibilidade de formatos e
potencia (o Apple TV está limitado a vídeos a 720p, mentres que moitos dos seus
competidores chegan a 1.080p).
Primeiro anuncio do novo iPod Touch
O primeiro anuncio do iPod nano destaca a súa facilitadade para vestilo

- O iPod Touch achégase en prestacións ao iPhone 4
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















