Apple renova os seus reloxos

martes, 9 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Apple presentou novas versións dos seus reloxos: o Apple Watch Series 11, o Apple Watch SE 3 e o Apple Watch Ultra 3. Chegan con cambios orientados a mellorar a experiencia de uso diaria e a profundar nas capacidades de seguimento da saúde e da actividade física, aínda que cada un aposta por perfís distintos.
O Series 11 mantén a liña estética das xeracións anteriores, cun deseño máis fino e cómodo, e introduce unha pantalla reforzada con vidro Ion-X, que segundo a compañía é o dobre de resistente a rabuñaduras.
A autonomía esténdese ata as 24 horas, e a carga rápida permite obter oito horas de uso con só quince minutos de enchufe. A nova función Calidade do Sono busca ofrecer unha lectura máis detallada do descanso nocturno, combinando datos como a frecuencia cardíaca, a respiración ou os ciclos de sono. Estes rexistros intégranse na aplicación Saúde do iPhone e permiten ao usuario consultar tendencias e puntuacións personalizadas.
Pola súa banda, o Ultra 3 está pensado para quen practica deporte ou actividades ao aire libre. A súa pantalla, a máis grande nun Apple Watch ata o momento, incorpora tecnoloxía LTPO3 e ofrece unha frecuencia de actualización de 1 Hz en modo sempre activo. A autonomía alcanza as 42 horas en uso normal e pode chegar ás 72 en modo de baixo consumo. Unha das novidades máis salientables é a conectividade vía satélite, que permite enviar mensaxes de emerxencia e compartir a localización mesmo en zonas sen cobertura móbil. Esta funcionalidade estará dispoñible durante dous anos sen custo adicional.
O Watch SE 3 mantén o enfoque accesible da gama, pero incorpora melloras relevantes como a pantalla Retina sempre activa, o novo sensor de temperatura no pulso e unha análise máis detallada da calidade do sono a través da aplicación Constantes Vitais. Engade tamén funcionalidades como o control do ciclo menstrual, xestos intuitivos para interactuar co dispositivo e o chip S10, compartido cos modelos superiores, que garante maior fluidez e eficiencia. A súa autonomía alcanza as 24 horas en uso estándar e 32 en modo de baixo consumo, e mantén a resistencia á auga para actividades como a natación.
Todos os modelos inclúen a experiencia Workout Buddy, que ofrece mensaxes de motivación durante os adestramentos, baseadas en datos como o ritmo, a distancia ou os obxectivos persoais. Esta función require auriculares Bluetooth e un iPhone compatible con Apple Intelligence e polo momento só está dispoñible en inglés.
A dispoñibilidade dos reloxos está prevista para o 19 de setembro, con reservas xa abertas. O Series 11 parte dos 449 euros, mentres que o Ultra 3 sitúase nos 899 e o SE 3 contén o seu prezo de saída en 269 euros.