Apple renova os seus iMac e os seus accesorios

martes, 13 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Sen mediar unha grande presentación polo medio, Apple renovou hoxe parte do seu catálogo, actualizando a familia iMac e dando un importante paso adiante nos seus accesorios ao optar por eliminar as baterías AA para integrar baterías recargables internas que poden cargarse a través de Lightning.
O cambio dos iMac foi dirixido principalmente á súa pantalla, de xeito que agora temos un novo iMac con pantalla Retina de 21,5 polgadas, que conseguiría así unha calidade de imaxe comparable ao revolucionario iMac 5K de 27 polgadas, pero cun tamaño máis discreto (e sen a posibilidade de gozar dunha tarxeta gráfica dedicada).
O novo iMac de 21,5 polgadas presume dunha pantalla cunha resolución de 4.096 x 2.304 píxeles, procesador Intel Core i5 de catro núcleos a 3,1 GHz, 8 GB de RAM (ampliable a 16 GB), disco duro de 1 TB e gráfica Iris Pro 6200 por un prezo de 1.729 euros. Tamén se renovaron o resto de iMac (de 21,5” Full HD e de 27” 5K) limitando os seus cambios á habitual actualización de prestacións, o que vén a ser a incorporación de procesadores máis rápidos sen alterar o prezo, aínda que no caso do modelo de 27” tamén supón a actualización das tarxetas gráficas e o adeus das pantallas que non sexan 5K ou , o que vén a ser o mesmo, a redución da barreira de entrada para as pantallas 5K, que pasa de 2.329 a 2.129 euros (os 200 euros de aforro corresponderían a substituír a unidade Fusion Drive de 1 TB por un disco duro ordinario de 1 TB, o que non parece un aforro nada recomendable).

Novos accesorios Magic

Para o público xeral pode resultar moito máis interesante ver o cambio nos accesorios de Apple, pois afectaría a todos os futuros compradores de ordenadores da compañía de Cupertino. O adeus ás baterías AA de seguro que é benvido por moitos, pero o feito de que agora estes accesorios poidan conectarse por USB ou por Bluetooth de xeito doado, e que a súa batería interna poida cargarse completamente nun par de horas (dabondo para funcionar durante un mes) ou que cun minuto de carga xa permite traballar durante unha hora, son detalles que agradecerán os que non queiran estar pendentes de mercar baterías tradicionais (ou empregar baterías AA recargables).
O Apple Magic Keyboard non só se libra das baterías AA, senón que tamén incorpora un novo mecanismo de tesoira nas súas teclas, o que mellora a súa estabilidade nun 33%, aínda que o seu prezo posiblemente non sexa moi ben recibido (119 euros); na mesma liña iría o Magic Mouse 2, que grazas á eliminación das baterías consegue reducir o seu número de pezas internas, conseguindo ser máis lixeiro e estable, vendéndose por 89 euros; e para completar o catálogo de novos accesorios temos o Magic Trackpad 2, que ten un prezo bastante elevado (149 euros) o que xustifícase cunha superficie un 29% superior e coa incorporación da tecnoloxía Force Touch (o que facilita novos xeitos de interactuar co Mac).

A eliminación das baterías AA é a principal novidade dos novos accesorios Magic

PUBLICIDADE