Apple renova o MacBook Air, o Mac mini e o iPad Pro
mércores, 18 de marzo do 2020
Levamos un tempo con rumores de que Apple tiña previsto realizar unha presentación de produtos no mes de marzo, na que se renovasen varios produtos e vese a luz un suposto iPhone 9 (que sería unha especie de iPhone 11 dentro da carcasa dun iPhone 8 para así poder ofrecerse a un prezo axustado), pero semella que a conxuntura global levou a que finalmente mudaran de plans e limitaran a presentación de novos produtos a través de nota de prensa, deixando o lanzamento do agardado iPhone económico para un mellor momento.
Novo MacBook Air
O portátil máis popular de Apple, o MacBook Air, renóvase para
ofrecer un mellor rendemento, maior capacidade e unha modificación moi
agardada: a incorporación dun novo teclado Magic Keyboard que diga adeus ao
problemático teclado de bolboreta.
Este novo portátil, cun prezo que parte dos 1.199 euros, ofrece un procesador o
dobre de rápido e un rendemento gráfico até un 80% superior, á vez que agora
chega cun almacenamento mínimo de 256 GB, conseguindo así que sexa un produto
moito máis completo. Tamén conta con pantalla retina de 12 polgadas, tecnoloxía
Touch ID para facilitar un inicio de sesión áxil e a realización de compras en
liña seguras, un trackpad de grande tamaño e, como grande mellora, a
integración do teclado Magic Keyboard, estreado no MacBook Pro de 16 polgadas,
que emprega un mecanismo de tesoira de 1 milímetro de percorrido que atende ás
demandas dun público farto dunha tecnoloxía de teclado defectuosa que non cesou
de dar problemas durante 3 xeracións (obrigando a levar os equipos ao servizo técnico
para solucionar un fallo provocado por un erro de deseño que podería terse
solucionado hai anos).
Mac mini actualizado
Apple tamén aproveitou a ocasión para actualizar a configuración do Mac mini, ordenador de sobremesa que no seu modelo de 929 euros pasa a contar con 256 GB de almacenamento, mentres que o modelo de 1.279 euros conta agora con 512 GB de almacenamento. Estariamos ante unha simple actualización da capacidade de almacenamento SSD, xa que a configuración de memoria e procesador seguen inmutables, algo que resulta difícil de xustificar para equipos deste prezo.
Novo iPad Pro
Pero o produto que experimentou unha maior renovación
é claramente o iPad Pro, que incorpora
escáner LiDAR e compatibilidade co trackpad en iPadOS, o que abre as portas
para un novo Magic Keyboard, cun deseño flotante co teclado retroiluminado e
trackpad, que buscan facer que se poida escribir mellor que nunca no iPad,
avanzando na idea de que este tipo de equipo supla as funcións de moitos
ordenadores portátiles.
O novo iPad Pro conta cun procesador A12Z Bionic, máis potente que a meirande
parte dos procesadores de ordenadores portátiles con Windows; estrea unha
cámara con ultra grande angular, micrófonos de calidade profesional e un
revolucionario escáner LiDAR con avanzadas funcións de detección de
profundidade, converténdose nun excelente dispositivo para tirar proveito da
realidade aumentada.
A compatibilidade co trackpad en iPadOS 13.4 revoluciona o xeito de interactuar
co iPad, adoptando mecánicas diferentes ás de macOS e pensadas especificamente
para o iPad. Así, ao mover o dedo polo trackpad o punteiro vaise transformando
en función dos elementos da interface. Tamén permite o uso de xestos
multi-táctiles no trackpad para navegar polo sistema sen ter que levantar a man,
mellorando considerablemente o uso do iPad Pro en tarefas de produtividade.
Para tirar proveito destas funcionalidades teremos en maio o novo Magic Keyboard,
que incluso pode aproveitarse para cargar o iPad Pro sen ocupar o seu porto
USB-C (que pode manterse para conectar discos duros externos, monitores e
outros accesorios), aínda que resultou moi rechamante polo seu elevado prezo,
xa que o modelo para o iPad Pro de 11 polgadas é de 339 euros, mentres que para
o iPad de 12,9 polgadas custará 399 euros.
Pola súa banda o novo iPad Pro de 11 polgadas parte dun prezo de 879 euros e o
iPad Pro de 12,9 polgadas está dispoñible por a partir de 1.099 euros.
Vídeo promocional do novo iPad Pro