Apple reduce 100 euros os prezos dos MacBook Air

martes, 29 de abril do 2014 Marcus Fernández

Nas últimas horas Apple renovou a configuración e os prezos dos seus portátiles Macbook Air, cunha mellora de prestacións e unha baixada de prezo que agradecerán os futuros compradores. Estes novos equipos xa poden adquirirse vía web, e dada a rapidez prevista para a súa entrega é de agardar que xa estean dispoñibles en establecementos físicos.
Agora temos que o MacBook Air máis económico ata a data, o modelo con pantalla de 11 polgadas, procesador Intel Core i5 de dobre núcleo a 1,3 GHz, 4 Gb de RAM e 128 Gb de almacenamento flash que valía 1.029 euros pasa a incrementar a súa velocidade a 1,4 GHz e a reducir o seu prezo a 929 euros. Na mesma liña irían o resto de equipos, que mellorarían o seu procesador e reducirían o seu prezo en 100 euros (polo que esta actualización é máis destacable cando máis económico sexa o equipo).