Apple recupera o altofalante HomePod

mércores, 18 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

En 2021 Apple anunciou que deixaba de vender os altofalantes HomePod orixinais, recoñecendo que foran un rotundo fracaso en vendas (de feito, durante a liquidación de unidades os compradores podían comprobar que os números de serie correspondían a dispositivos fabricados para o lanzamento do produto un par de anos antes), polo que resulta un tanto rechamante que agora lancen unha segunda xeración dos HomePod.
Estes novos altofalantes teñen un deseño moi semellante ao dos modelos orixinais, e incluso sairán á venda o 3 de febreiro ao mesmo prezo, 349 euros. Aparte de para escoitar música tamén poden empregarse para controlar o fogar intelixente (sendo compatible con Matter) e utilizar Siri.
O novo HomePod ten un potente motor que impulsa un diafragma de 20 milímetros, integra un micrófono con sistema de ecualización e un conxunto de 5 altofalantes de agudos con tecnoloxía beamforming que fan posible unha grande experiencia acústica. O chip S7 combínase con software e tecnoloxías de detección para ofrecer un nivel de audio computacional avanzado que optimiza a experiencia sonora, pois adapta os sons que emite ao contorno, adaptando o son en tempo real.
Unha das características máis atractivas do HomePod é a posibilidade de poder empregarse en parella con outro HomePod para conseguir son estéreo, o que pode resultar moi práctico en combinación cun Apple TV, para así mellorar a experiencia sonora durante a reprodución de contidos audiovisuais.

Vídeo promocional do novo HomePod

PUBLICIDADE