Apple lanza un rato multi-táctil

mércores, 21 de outubro do 2009 Marcus Fernández

Esta semana Apple renovou moitos dos seus equipos informáticos, pero entre as súas novidades, unha das máis destacadas é que presentaron o sucesor do Mighty Mouse, o Magic Mouse, que é un rato informático multi-táctil, de xeito que a súa superficie non serve só para emular o botón dun rato estándar, senón que conta coas funcionalidades do trackpad dun portátil de Apple, ou sexa, que permite mediante xestos realizados cos dedos controlar o desprazamento en páxinas web e documentos, facer clic, ampliar unha imaxe… toda unha revolución que está xa á venda por 69 euros.
O Magic Mouse comunícase co ordenador a través de Bluetooth e detecta os seus movementos mediante un sensor láser, que permite unha maior precisión que moitos ratos ópticos, así coma operar sobre multitude de superficies. Aliméntase con dúas pilas AA que achegan unha autonomía de ata 4 meses.
Pero non todo é positivo neste periférico para ordenadores Mac, pois o seu deseño parece demasiado plano, o que o fai menos ergonómico do que era de agardar nun produto tan revolucionario, o que sumado ao seu prezo fai que non sexa un trebello para todos os públicos.


O uso de xestos amplías as posibilidades do Magic Mouse

PUBLICIDADE