Apple inicia un programa de reparación de pantallas do iPhone X

luns, 12 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Cando chegou ao mercado o iPhone X o prezo da reparación da súa pantalla converteuse en toda unha fonte de preocupación (pois custaba inicialmente 321,10 euros) e dado que estes prezos apenas caeron no último ano (actualmente arranxar nun servizo técnico oficial a pantalla do iPhone X custa 311,10 euros) e nalgúns mercados o móbil deixou de estar amparado pola garantía oficial, xurdiu a indignación por parte de bastantes consumidores que detectaron que o seu iPhone X tiña problemas de sensibilidade táctil na pantalla, pero finalmente a compañía de Cupertino recoñeceu que estes fallos eran responsabilidade súa, e iniciou un programa de reparacións de balde.
O novo programa de reparación de pantallas dos iPhone X limítase a pantallas con problemas no funcionamento do seu panel táctil, ou sexa, cando o iPhone non responde aos toques en pantalla, responde só de xeito intermitente ou incluso reacciona cando ninguén tocou a pantalla.
Para poder aproveitar as condicións desta reparación de balde hai que recorrer a un servizo autorizado por Apple, acudir a unha Apple Store ou contactar co servizo técnico de Apple, lembrando o feito de que, se hai que realizar outras reparacións no dispositivo (como roturas) o usuario podería ter que facerse cargo de certos custos de reparación.

PUBLICIDADE