Apple expulsa a Epic Games da App Store

venres, 28 de agosto do 2020 Marcus Fernández

O conflito entre Apple e Epic Games por mor das comisións na App Store estrea novo capítulo, e tras levar o asunto aos tribunais chegou o prazo do primeiro ultimatum de Apple ante o que Epic non claudicou, o que levou a unha medida drástica por parte da compañía da mazá: borrar a conta de Epic Games na App Store.
Iso quere dicir que xa non será posible volver descargar xogos como Infinity Blade ou o célebre Fortnite, asegurándose dende Apple que «o tribunal recomendou a Epic cumprir coas normas da App Store mentres o caso avanzaba», e dado que a compañía non quixo dar o seu brazo a torcer, Apple actuou en consecuencia e decidiu expulsar da tenda de aplicacións a Epic Games, reacción que a compañía de Cupertino tomo de xeito totalmente consciente, levando aos usuarios da App Store ante un escenario nada satisfactorio, no que hai xogadores que non poden recuperar un título polo que tiñan pagado na tenda de aplicacións por culpa dun desacordo entre dúas compañías que lle resultan alleas.
Pero os usuarios de iPhone e iPad que aínda manteñen o xogo Fortnite instalado no seu dispositivo non poden manterse alleos do conflito, xa que non só estarían obrigados a non borrar nunca Fortnite do seu móbil se queren conservalo, senón que a partir de agora quedan sen actualizacións.
Deste xeito temos que o tirapuxa entre Apple e Epic provoca unha consecuencia a curto prazo que prexudica aos usuarios, xa que a chegada da tempada 4 a Fortnite coa Guerra no Nexus, na que se incorporan ao xogo numerosos personaxes do Universo Marvel, queda vetada para dispositivos de Apple, descolgando así a moitos xogadores dun dos xogos de máis éxito da historia e promovendo dende a App Store a un dos competidores de Fortnite, a versión móbil de PUBG, como alternativa.
Pero a ruptura entre Apple e Epic Games non é total, senón que a xuíza que leva o caso entre ambas compañías, Yvonne González Rogers, determinou que as medidas que poida adoptar Apple contra Epic non poden afectar ao Unreal Engine, ou sexa, que os moitísimos xogos desenvolvidos co motor gráfico de Epic poderán manter con normalidade a súa actividade nas plataformas de Apple, e Epic poderá continuar o seu desenvolvemento desta ferramenta para equipos e dispositivos da empresa de Cupertino.

Os usuarios de dispositivos de Apple quedan fóra da Tempada 4 de Fortnite

PUBLICIDADE