Apple e Nintendo destacan na listaxe dos dez trebellos máis desexados

mércores, 8 de agosto do 2007 Matías Olazabal

O portal de información sobre novas tecnoloxías CNET vén de publicar unha listaxe dos dez gadgetsque hai que ter”, e, entre os trebellos enumerados, tanto Apple coma Nintendo son as dúas casas con máis produtos no ranking, con tres e dous máquinas cada unha, respectivamente, mentres que Samsung, Sony e outras marcas só contan cunha entrada nesta táboa de clasificados.

Coma era de agardar, no cumio do imaxinario colectivo atópase o iPhone, aparello que, malia as críticas recibidas nas últimas semanas, segue a ser a “diva” deste mercado, mentres que o segundo posto está ocupado pola Wii. Se ben a consola de Nintendo non ten se cadra o glamour do teléfono de Apple, continúa día a día cunha alta e constante cifra de vendas, e, paseniño, vai ampliando a súa oferta de xogos perante as miradas de Sony e Microsoft (fabricantes da Playstation 3 e Xbox 360), que concorren no mercado coas súas máquinas pero sen figurar no devandito ranking.

Pola súa parte, o Ipod ocupa o terceiro posto, na súa versión nano de segunda xeración e con 8 xigas de espazo de almacenamento, seguido de preto polo reprodutor SanDisk Sansa Connect, que, malia os seus relativamente escasos 4 xigas de capacidade, permite a conexión á Rede mediante Wifi accedendo deste xeito a emisoras radiais en liña.

O Mac iBook -coa incorporación dos chips Intel- afiánzase no quinto chanzo da escaleira, e, se ben non é a preferencia dos xogadores virtuais, constitúe segundo o sitio web devandito a mellor opción grazas ó seu prezo, tendo en conta as súas prestacións e a súa flexibilidade, permitindo ademais a partición do disco duro e a posibilidade de usar tanto Windows coma o sistema operativo propio da Apple. Ségueo nesta listaxe un curioso trebello que é quen de levar o sinal da televisión a múltiples ordenadores ou PDAs, o Sling Media Slingbox A/V, que non semella nada do outro mundo. En fin…

A segunda consola de xogos do ranking aparece no sétimo lugar. Falamos da Nintendo DS, a outra aposta da fábrica xaponesa polo lecer portátil e que aínda lle saca vantaxe á PSP (polo menos no que a interese do público se refire). Os postos oito, nove, e dez están ocupados por unha pantalla de televisión de alta definición, una cámara de vídeo e un par de auriculares que, polo visto, poden manter o nivel dos baixos malia o seu miúdo tamaño.

A televisión de Samsung, a LN-T4665F, achega segundo a descrición do sitio a que se cadra é a mellor calidade de imaxe do mercado, mentres que a Sony Handycam HDR-HC7 (que pode gravar vídeos e quitar fotos cunha calidade de 6.1 megapíxeles), fica algo fóra do alcance de moitos dos consumidores co seu prezo de máis de 1.000 dólares (726 Euros). Por moitos menos cartos poderemos facernos cun par de auriculares V-Moda Bass Freq headphones, que foron elexidos por CNET como os mellores do mercado, e poderán ser enchufados aos nosos reprodutores pola módica suma de 50 dólares (uns 36 Euros).

PUBLICIDADE