Appentra continuará dando servizo a través do teletraballo

martes, 17 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Appentra, spin-off da Universidade da Coruña centrada en software avanzado para facilitar a programación en paralelo, vén de emitir un comunicado en relación coa pandemia de COVID-19 e en relación coa actividade que vai seguir desenvolvendo a empresa ao longo dos vindeiros días, nos que seguirán vixentes (até novo aviso) as restricións do estado de alarma decretado polo Goberno central. Appentra fai saber que “dada a situación extraordinaria pola que estamos a pasar como resultado da propagación do COVID-19, aplicouse na nosa empresa o teletraballo para todo o equipo de profesionais”. O obxectivo: continuar brindando servizo aos clientes de maneira normal.
Appentra tamén lembra que as liñas telefónicas da empresa con sede presencial no CITIC están abertas e o equipo humano fica dispoñíbel a través das canles de comunicación habituais (correo electrónico e teléfono) para calquera pregunta ou inquedanza que poida xurdir. “En caso de xuntanzas programadas”, engaden, “estas levaranse a cabo mediante videoconferencia ou teleconferencia”.
A empresa tamén fai saber que fará seguimento dos eventos, das decisións e das medidas que as autoridades adopten, mantendo aos clientes informados de calquera novidade que poida ser aplicábel en relación á actividade da firma.

PUBLICIDADE