Apex Legends despídese dos móbiles
mércores, 1 de febreiro do 2023
Cando Respawn
Entertainment ousou
competir con Fortnite con Apex Legends en ordenadores, consolas e
móbiles, e precisamente Apex Legends: Mobile para iOS e Android, que
partía como a aposta máis ambiciosa, pero non conseguiu o seu obxectivo, e sen chegar
a cumprir o ano de vida Electronic Arts
anuncia a súa retirada. Destacan que aínda que Apex Legends: Mobile
comezou con moi bo pé, chegou a un punto no que non compensa seguir adiante con
el, polo que inician
o seu procedemento de despedida, de xeito que veñen desactivar as compras
con cartos reais no xogo, para que dentro de 90 días diga adeus
definitivamente.
Cómpre salientar que esta decisión non afecta en absoluto ás versións para PC e
consolas do xogo, pois sería unicamente a súa versión móbil a que non cumpriría
coas expectativas que tiñan os seus reponsables.
Dá a impresión de que Electronic Arts aprendeu deste erro, e anticípase a un
fracaso futuro, detendo o desenvolvemento dunha versión móbil de Battleflied,
centrando os esforzos desta franquía en entregas tradicionais.
Lembremos que o xogo móbil é moi susceptible aos cambios de tendencia, con modelos
de negocio moi cambiantes e xéneros que responden a modas que van e veñen a
moita velocidade, polo que anticiparse resulta crucial, e lanzar títulos nun
mal momento pode ser a ruína para un estudio de videoxogos, de aí que estean a
actuar con prudencia e prefiran retirarse da competencia de certo tipo de xogos
antes que acumular perdas e desaproveitar o pulo das súas grandes franquías,
erosionándoas.