Anuncian os plans de lanzamento de Firefox OS

luns, 25 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Aproveitando o encontro de profesionais do sector móbil de todo o mundo en Barcelona anunciáronse onte os plans de lanzamento de Firefox OS, plataforma móbil de Mozilla baseada en tecnoloxía web que conta co apoio de operadores como telefónica e de fabricantes como Alcatel, LG e ZTE, que esperan chegar a mediados de ano a Brasil, Colombia, Venezuela e España, espallando a súa distribución ao resto de Europa e América latina durante finais de ano e durante 2014.
Estes novos móbiles, que funcionarán con procesadores Qualcomm Snapdragon, chegarán a prezos moi competitivos e con boas tarifas de datos, para permitir achegar unha experiencia de smartphone a un público que aínda non deu o paso de usar un móbil conectado que facilite o acceso á web, á xeolocalización e ás redes sociais.
Algúns dos primeiros terminais con Firefox OS, como o ZTE One e o Alcatel One Touch Fire están a verse en vivo durante o Mobile World Congress, confirmándose que estamos ante smartphones de baixa gama, con compoñentes baratos, polo que só sería aptos como terminais de entrada, que poderían lembrarnos aos primeiros móbiles con Android que chegaron a España, como o HTC Magic.

PUBLICIDADE