Anuncian o lanzamento de Max Payne 3 para o inverno

luns, 23 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Cando chegou aos cines Matrix, o efecto do tempo bala abraiou a medio mundo, e un par de anos despois un videoxogo quixo aproveitar ese recurso de cámara super-lenta durante as escenas de acción para facer historia, converténdose Max Payne en todo un referente que chegou a ter secuela en 2003 e película de acción real o ano pasado, polo que Rockstar Games decidiu resucitar a franquía (que sumara uns 7 millóns de copias nas distintas plataformas) e anunciar que para o vindeiro inverno teremos un Max Payne 3 para PC, PlayStation 3 e Xbox 360.
O fundador de Rockstar, Sam Houser, asegura que este novo capítulo da vida de Max Payne presentar ao personaxe «como nunca vimos antes; uns poucos anos máis vello, máis mundano e cínico que nunca. Experimentaremos unha espiral descendente da súa vida despois dos acontecemento de Max Payne 2 e seremos testemuña da súa derradeira oportunidade de salvación».
O xogo apostaría por seguir as pautas das entregas anteriores, con moita acción, e podendo tirar proveito da potencia das nova xeración de consolas de videoxogos, que sen dúbida achegarán un espectáculo visual que podería axudar a recuperar o espírito da primeira entrega da saga, e que en boa medida retomara o xogo Stranglehold (que tamén contará con adaptación cinematográfica).

PUBLICIDADE