Anuncian o Samsung Galaxy S III como un móbil que ve e escoita ao usuario

xoves, 3 de maio do 2012 Marcus Fernández

Esta tarde dentro do evento Samsung Mobile Unpacked 2012 presentouse en sociedade o novo Samsung Galaxy S III, un smartphone que a compañía surcoreana insiste en definir como “inspirado na natureza e deseñado para os humanos”, que tecnicamente vai na liña dos últimos terminais con Android, destacando por certos elementos de software que achegarían unha experiencia de uso máis natural e doada.
No tocante ao seu músculo, o Galaxy S III funciona cun procesador de 4 núcleos, sistema operativo Android 4.0, pantalla Super AMOLED de 4,8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, almacenamento interno de 16, 32 ou 64 Gb (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámaras de 8 e 1,9 Mpíxeles capaces ambas de gravar vídeo Full HD, Wi-Fi N, GPS, NFC, Bluetooth 4.0, batería de 2.100 mAh, unha medidas de 136,6 x 70,6 x 8,6 milímetros e un peso de 133 gramos. En certos territorios contará con conectividade LTE.

A interface de uso do Galaxy S III inspírase na natureza

O seu software incorpora soporte de numerosos formatos de vídeo e audio, a posibilidade de compartir contidos multimedia en rede (a función AllShare Cast permitiría ver os contidos do móbil nunha pantalla máis grande, mentres que con AllShare Play pódense compartir ficheiros con tablets, ordenadores e televisores e mesmo compartir a pantalla con varios dispositivos conectados á mesma rede Wi-Fi), funcionalidades sociais... e tecnoloxía de seguimento da mirada para que o móbil vexa ao usuarios para prever as súas necesidades (por exemplo, distinguindo cando se está a ler un libro na pantalla, evitando así que entre en repouso a pantalla) e co sistema de recoñecemento de voz S Voice, que promete entender instrucións en linguaxe natural incluso en español e moitas outras linguas (superando ao Siri de Apple).
Como exemplo desta evolución no funcionamento do terminal, cando esteamos escribindo unha mensaxe de texto, e decidamos chamar ao destinatario por teléfono, chegará con achegar o dispositivo a orella e este entenderá que queremos facer unha chamada directa. Tamén conta cun sistema intelixente para que vexamos as chamadas e mensaxes perdidas.
O Samsung Galaxy S III chegará ao mercado europeo a finais de mes en dúas cores (azul croio e branco mármore) aos que sumaranse outras cores máis adiante.

O novo Galaxy venderase inicialmente en 2 cores
O novo móbil segue a liña dos seus predecesores, pero cun deseño máis redondeado, adaptándose ás últimas tendencias
Os contidos na pantalla do Galaxy S III poden amosarse en pantallas de maior tamaño para facilitar a visualización en grupo
Con S Voice o Galaxy S III presume de interpretar a linguaxe natural
O novo móbil conta cunha cámara traseira de 8 Mpíxeles

PUBLICIDADE