Anuncian as plataformas de streaming que estarán dispoñibles para PS5 dende o primeiro día

xoves, 22 de outubro do 2020 Marcus Fernández

A poucas semanas para a chegada da PlayStation 5 ás tendas dende Sony deixan caer que a PS5 non só será unha máquina para xogar, senón que tamén pode servir como corazón para o consumo audiovisual no fogar, facilitando o acceso a películas, series de televisión, música e retransmisións en directo de partidas, partindo xa cunha completa selección de aplicacións de lecer.
Temos así que, aparte de a aplicacións que poderiamos considerar fundamentais nunha consola doméstica como YouTube e Twitch súmanse outras aplicacións como Spotify (que permite escoitar música de fondo durante as nosas partidas), Netflix (que está dispoñible en case todas as plataformas posibles) e servizos máis recentes como Disney+ (que nos vindeiros meses pretende coller forza para compensar a ausencia de estreas en salas comerciais) e Apple TV (que facilita o acceso aos contidos de subscrición de Apple TV+).
En contraste con anteriores consolas de Sony, coa PlayStation 5 si haberá un mando a distancia oficial destinado ao control multimedia, que facilitará o control audiovisual e tamén incluirá botóns de control de volume e alimentación para os televisores compatibles. Tamén destaca o feito de que inclúa atallos para acceder a Disney+, Netflix, Spotify e YouTube.
Dende Sony aseguran que máis adiante recibirán máis servizos de streaming na PS5, polo que é de esperar que en breve vexamos plataformas como HBO, Amazon Prime Video, Filmin, Rakuten TV ou incluso RTVE.

PUBLICIDADE