Anuncian a volta de varios videoxogos clásicos ás consolas de nova xeración

venres, 10 de outubro do 2008 Marcus Fernández

O xogo mata-marcianos por excelencia tamén se adaptará á Xbox 360Durante o Tokyo Game Show que está a ter lugar estes días no Xapón moitas novidades do sector dos videoxogos se presentan, pero as imaxes, trailers e presentacións que se achegaron corresponderon na súa meirande parte a títulos dos que xa se coñecían detalles, de xeito que o evento serviu principalmente como posta ao día, agás no caso dos xogos que se venderán como descarga a través das plataformas en liña das consolas de nova xeración, que foron auténticas sorpresas, destacando as revisións de clásicos das recreativas dos anos 80.

O Arkanoid Live! permitirá horas de xogo a través dos seus 120 niveis

Así, un dos xogos que chegarán a Xbox LIVE Arcade será o Space Invaders Extreme, que captura a esencia do xogo mata-marcianos por excelencia presentando unha nova aparencia, nova música… unha auténtica renovación estética, incluíndo mini-xogos que se poderán superar ao longo das nosas partidas e mesmo se contará con dous modos multixogador (cooperativo e competitivo).
Outro clásico que tamén se adapta para Xbox 360 é o xogo de romper os ladrillos cunha bola, e Arkanoid Live! permitirá revivir un dos títulos máis carismáticos de Taito a través de 120 fases con atractivos gráficos e música de fondo aos que se sumarán tamén modos para 2 xogadores tanto en local como a través da Rede.
Pero a cousa non remata aí, e mesmo os usuarios da Nintendo Wii, grazas a WiiWare poderán facerse en breve (non se concretou a data exacta do seu lanzamento, que será antes do Nadal) con Tetris Party, unha revisión do xogo deseñado por Alexey Pajitnov que pretende aproveitar especialmente o modo multixogador.

O novo Tetris para Wii será toda unha festa e incluso se poderá manexar coa táboa de equilibrio

O novo xogo tamén contará cun modo especial no que deberemos colocar as pezas que caen de xeito que un pequeno escalador poida subir por elas (en vez de buscar a súa desaparición, como era o normal neste xogo) o que supón todo un reto para usuarios que levan máis tempo botando partidas ao Tetris de sempre.
Nas mesma liña (a de desfacerse doa hábitos adquiridos xogando ao título orixinal) tamén haberá un modo sombra no que haberá que colocar pezas cunha forma determinada (perdendo puntos polos espazos que ocupemos fóra da figura, así como polos anacos que non podamos encher).
O xogo conta con máis modos de xogos, sorprendendo especialmente a posibilidade de botar unha partida coa táboa de equilibrio da Wii (que moverá as pezas lateralmente se nos balanceamos e as xirará se nos movemos de arriba a abaixo), o que parece destinado ao seu uso por cativos, xa que o xogo ten que reducir moito a súa dificultade para poder manexarse dun xeito tan pouco práctico.

PUBLICIDADE