Anthem sae á venda para Xbox One, PS4 e PC

venres, 22 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Dende hai unha semana os subscritores de Origin Access Premier poden gozar do xogo Anthem, e hoxe chegou o momento para o resto de xogadores, que por fin poden acceder a un dos grandes lanzamentos de Electronic Arts para a primeira metade do ano. Este esperado xogo pode xa mercarse para Xbox One, para PlayStation 4 e para PC, ofrecendo un rico mundo que explorar dentro dunha armadura chamada alabarda que fai que moitos consideren que estamos ante unha sorte de simulador de Iron Man, o que ten certo atractivo, aínda que o feito de que durante unha semana houbese xogadores probando o que sería o título final reduciu bastante a expectación inicial, por considerase que o xogo, pese ao seu grande potencial, aínda está sen rematar, ou sexa, que haberá que agardar semanas para poder valorar se os contidos deste título (e o seu acabado técnico) están á altura do que se espera dunha superprodución tan ambiciosa.
Cómpre lembrar que a expectación por este xogo era moi elevada porque o estudio detrás do mesmo é BioWare, responsable de franquías como Dragon Age e Mass Effect, pero establecer paralelismos non parece moi atinado, xa que os grandes xogos da compañía eran principalmente de rol, mentres que este título é un shooter en terceira persoa nun mundo compartido, que ten moito que demostrar, principalmente á hora de facer que o xogo non sexa repetitivo e ofreza unha experiencia que permita que os xogadores destinen moitas horas ao mundo de Anthem sen perder o interese.

Tráiler de lanzamento de Anthem

PUBLICIDADE