Angry Birds: Star Wars II estréase de xeito anticipado para Windows Phone 8

mércores, 18 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Rovio ten previsto para mañá o lanzamento multiplataforma de Angry Birds: Star Wars II, pero os usuarios de Windows Phone 8 tiveron hoxe unha grata sorpresa: recibían o xogo de xeito anticipado a un prezo de 0,99 euros, en vez de estrear a aplicación despois das versións para iOS e Android como é habitual en moitos títulos (aínda que cada vez é máis frecuente a estrea simultánea nas distintas plataformas móbiles).
Estamos ante unha das entregas máis completas da franquía dos paxaros anoxados de Rovio, que cruza os seus protagonistas cos da saga de Star Wars, recreando desta volta as películas correspondentes aos episodios I, II e III, e permitindo empregar a máis de 30 personaxes, entre os que hai representantes tanto dos Jedi coma do Lado Escuro, xa que poderemos elixir bando para percorrer os distintos niveis do xogo.
Angry Birds: Star Wars II conta cuns 120 niveis divididos en capítulos que encaixan coa historia das películas, para ir intercalando personaxes con distintas habilidades, que continúan a innovar con respecto a entregas anteriores de Angry Birds (por exemplo, o personaxe de Ioda rebota pola pantalla mentres emprega o seu sable de luz e Jar Jar Binks emprega a súa lingua como liana para poder chegar a lugares afastados).
No lanzamento do xogo inclúense os capítulos da invasión de Naboo e a fuxida de Tatooine (así como unha selección de fases desbloqueables) aos que continuarán outros capítulos que chegarán nas vindeiras actualizacións da aplicación como é costume nesta serie de xogos.

Como importante novidade desta secuela temos que podemos xogar encarnando o Lado Escuro da Forza (que neste caso respondería o nome de Lado Porco)

ACTUALIZACIÓN: Poucas horas despois da estrea para Windows Phone 8 desembarcaron as versións do xogo para Android en Google Play e para iOS na App Store.

PUBLICIDADE