Ángela Ruíz Robles, a precursora do ebook, xa ten mural de seu no Campus de Ferrol
venres, 23 de outubro do 2020
A
precursora do libro electrónico, a
escritora e inventora galega Ángela Ruíz Robles, conta desde este
venres 23 de outubro cun mural en homenaxe ás súas
contribucións docentes, divulgativas e tecnolóxicas a carón da
Escola Universitaria de Deseño Industrial, no Campus de Ferrol. Este
traballo conmemorativo (e colaborativo) foi o resultado do obradoiro
Muralismo arredor do 25N – Elas Muralistas, que se
desenvolveu os días 21, 22 e 23 de outubro no Campus de Ferrol,
impulsado pola Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC e mais por
7H Cooperativa Cultural. O obxectivo foi “rachar estereotipos e
concienciar sobre as desigualdades de xénero na arte urbana desde a
experimentación colectiva e creativa”.
A
elección de Ángela Ruíz Robles por parte das persoas implicadas no
proxecto como protagonista do mural foi, segundo informa a UDC,
unánime. A Universidade tamén lembrou que esta non é a primeira
vez que a Universidade da Coruña, e máis concretamente o Campus de
Ferrol, homenaxea a figura de Ruíz Robles xa que desde maio de 2019
a Biblioteca da Escola Politécnica Superior leva o seu nome.
A
Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC programou unha nova
edición deste obradoiro para os días 4, 5 e 6 de novembro no Campus
da Zapateira (A Coruña).
En
datas recentes, como
sinalamos dende Código Cero, Ángela Ruíz Robles
foi tamén obxecto dunha importante homenaxe por parte do Colexio Profesional de
Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG.