Amplíase até abril a recollida de apoios á iniciativa popular Xabarín

mércores, 13 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

Dende hai xa un tempo, a Mesa pola Normalización Lingüística vén traballando nunha iniciativa que insta a que CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas, e que esta aposta asuma as necesidades e demandas tecnolóxicas de lecer das novas xeracións. A Mesa sostén que a creación do canle Xabarín suporía un cambio na programación, xa que estaría dispoñíbel en todas as plataformas dixitais e nunha aplicación móbil, ademais da televisión. Froito disto, púxose en marcha unha campaña de recollida de apoios que, segundo vén de confirmar a plataforma, ampliouse ata o venres 2 de abril.
Así, estarán dispoñíbeis en toda Galicia un gran número de establecementos para que as persoas interesadas en asinar os pregos oficiais poidan facelo. Por certo que na Rede existe un mapa no que cada quen pode atopar o lugar máis axeitado para mostrar o seu apoio.
Por un lado, a proposta insta ó Goberno de Feijóo a adoptar medidas precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas, así como a TVE a emitir con opción dobrada todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil. Doutra banda, a Mesa apoia e insiste nesta iniciativa xa que considera alarmante o retroceso da lingua galega na programación televisiva, xa que unicamente CRTVG emite contidos na lingua e creen que de forma mínima.
A recollida de sinaturas ten como obxectivo a Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galicia. Esta proposta ten maiores garantías de trámite sempre e cando se consigan o mínimo de 2.500 sinaturas fixado pola lei. Ademais, esta iniciativa non é algo novo, xa que a finais do 2019, a Mesa levou a cabo unha campaña similar, que reclamaba á Xunta de Galicia que se sumase ao acordo de Movistar+ dos gobernos vascos e catalán para dispor da dobraxe e lexendado dos filmes e series.

PUBLICIDADE