Amosan en China tablets con Windows 8.1 que custan pouco máis de 50 euros

luns, 13 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Cando falamos de sistemas informáticos a prezos reducidos tendemos a pensar en solucións como Arduino, sinxelas placas que poden servir a xeito de controlador moi configurable, pero este ano está a mudar moito a situación, reducindo considerablemente a barreira para ter un ordenador completo grazas aos novos tablets con Windows 8.1 que chegan dende Asia, e que pronto invadirán as nosas tendas facendo máis asumible que nunca ter un equipo informático no fogar ou en moitos outros contornos.

O Emdoor EM-I8170 é un dos tablets que podemos ver en China a un prezo de 399 iuans

Estes días na feira HKTDC de Hong Kong están a amosarse distintos produtos como o Emdoor EM-I870, que é un tablet con pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, 1 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno, que ao funcionar cun procesador Intel Z3735G de catro núcleos é capaz de correr Windows 8.1, o que resulta impresionante se temos en conta que o seu prezo de venda é de só 399 iuans (51,38 euros).
Co mesmo prezo tamén teriamos o CUBE iWork 7, que presumiría de pantalla IPS de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles e dun grosor de só 5,95 milímetros, e que contaría cunha versión que incluiría o Office por só 599 iuans (76,74 euros).
Por 499 iuans (63,93 euros) tamén teríamos o Ployer MOMO8W, un tablet que conta cun procesador Intel Atom Z3735F, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno e unha pantalla de 8 polgadas que tamén resultaría de grande interese para moitos usuarios que busquen un dispositivo para o consumo de contidos multimedia e que puntualmente poida empregarse para funcións máis propias dun ordenador tradicional como executar software ofimático ou realizar trámites en liña coas administracións públicas (para o que sistemas operativos como Android ou iOS non poden empregarse).
É de agardar que de cara ao Nadal podamos ver algún equipo de semellantes prestacións en España a prezos que é de agardar que baixen dos 100 euros.

PUBLICIDADE