Amosan como será o smartphone con pantalla holográfica de RED

xoves, 3 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O anuncio por parte de RED de que estaba a preparar un smartphone con pantalla holográfica, e que o seu prezo sería de 1.195/1.595 dólares, espertou moita expectación, aínda que as moitas incógnitas facían que fose difícil saber o que vai ser o produto final, pero un dos entusiastas deste fabricante de cámaras para fotografía e cine dixital, o youtuber Marques Brownlee, vén de contribuír a clarexar o asunto no seu último vídeo, no que amosa un prototipo do teléfono.
O RED Hydrogen One será un smartphone modular cunha pantalla holográfica de 5,5 polgadas da que aínda pouco podemos saber (e que difícil será perceptible en vídeo como recoñece o propio Brownlee), pero o que si vemos agora con detalle é o deseño case final do produto, cun tamaño moi superior ao que estamos afeitos (serían incluso maior que o iPhone 7 Plus), uns laterais pensados para un forte agarre cos dedos (e cun botón dedicado especificamente para a gravación de vídeo), altofalantes estéreo na súa parte frontal e, como detalle máis importante, unha grella de pins na súa parte traseira para conectar módulos, entre os que puidemos ver un módulo de cámara que resulta especialmente interesante (e que parece ser para o que está pensado principalmente este dispositivo).
Espérase que nalgo máis dun mes poidan verse prototipos máis avanzados deste smartphone que chegará ao mercado a primeiros de 2018, aínda que en calquera caso resulta evidente que non está destinado ao público xeral, senón a usuarios dun perfil profesional (ou semi-profesional) que precisen de gravar vídeo con grande calidade e queiran ter unha alternativa compacta e versátil ás cámaras RED, como a RED Raven, que curiosamente estes días iniciou a súa comercialización en exclusiva nas tendas oficiais de Apple (a un prezo de 14.999,95 dólares incluíndo os accesorios necesarios para operar e o programa Final Cut Pro X).

Vídeo de Marques Brownlee no que se deixa ver un prototipo do smartphone RED Hydrogen One

PUBLICIDADE