Amnistía denuncia o libre acceso dos nenos ós videxogos violentos e esixe medidas restritivas

venres, 5 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Os videoxogos non son un problema en si mesmo para os nenos. Poden ser positivos ou non con independencia do feito de seren videoxogos. O problema é cando hai creadores deste tipo de produtos que non teñen problema algún en facer da violencia sen conto un reclamo ou, máis polo miúdo do sufrimento do demais nos patios de colexio ou do derramamento de sangue de viandantes na cidade. Deste xeito, e co fin de que este tipo de contidos non acaben por converterse no pan de cada día dos máis pequenos, están a xurdir unha cantidade importante de voces de protesta.
Como por exemplo a da ONG Amnistía Internacional, que vén de esixir un marco legal para protexer ós cativos do emprego da violencia nos videoxogos. A xuízo desta organización, o Goberno español comete un erro grave ó delegar a protección dos menores nas empresas fabricantes deste tipo de produtos, non facendo nada por protexer os dereitos de aqueles “ó incumprir a lexislación nacional e internacional en materia de protección da nenez”.
Asemade, a ONG advirte de que ó longo do ano pasado non se fixo nada en España para pór algún tipo de barreira entre os nenos e os videoxogos violentos. É dicir: o acceso segue a ser practicamente chan e libre. Malia todo, a organización recoñece que se ten xeneralizado a aplicación do Código PEGI (Pan European Game Information) que obriga ás empresas a clasificar por idades os seus produtos, mais o problema (sostén Amnistía) persiste por ser os criterios que rixen esa clasificación abondo inconsistentes.
Ademais, engade, a información dos videoxogos incluída nas iconas non chega para enxergar realmente cales son as características do xogo. A xuízo de Amnistía, non é natural que teña que ser o propio sector quen regule a situación, xa que a tendencia normal dunha empresa é a quitarlle ferro a calquera polémica cos produtos que fabrica ou distribúe.
Para a ONG, é ben preocupante o seguinte dato: o 20% dos menores recoñece xogar con videoxogos nos que se manca, tortura ou mata a nenos, vellos ou embarazadas. Por esta razón, pide que o Goberno poña en marcha canto antes unha comisión de seguimento do PEGI.

PUBLICIDADE