Ames lanza campaña para fomentar a reciclaxe tecnolóxica e a sustentabilidade
xoves, 1 de xuño do 2023
O
Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, vén
de publicar unha campaña informativa que fomenta os hábitos
sustentábeis de consumo tecnolóxico. Baixo
o lema Únete ao movemento da reciclaxe tecnolóxica! pretende dar a coñecer o servizo que ofrece o Banco Municipal de
Reciclaxe Electrónica de Ames. Trátase dunha oficina creada en maio
de 2022 cuxos obxectivos principais son reducir a fenda dixital para
colectivos vulnerábeis e minorar o lixo electrónico no municipio. O
Banco sitúase no antigo centro de saúde do Milladoiro. Para obter
máis información sobre o servizo pódese escribir ao enderezo
osla@agasol.gal.
Orixes
O
Concello lembra que o Banco de Reciclaxe Electrónica naceu no ano
2022 tras a sinatura dun convenio entre o Concello de Ames e a
Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). A oficina
recolle equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que
xa non os usan, de xeito que poidan seguir sendo operativos para quen
dispoña de menos recursos. En concreto, recóllense computadores
portátiles, torres, periféricos (monitor, teclado...) e compoñentes
internos (RAM, HDD...). Os equipos son reacondicionados para alongar
a súa vida útil e así ofrecer a posibilidade de reutilización aos
colectivos en situación de vulnerabilidade. Ata o día de hoxe xa
foron moitos os equipos entregados a persoas e colectivos.
Dende
a súa creación, organizáronse diversos obradoiros nas súas
instalacións, como o de seguridade dixital básica, de reparación e
reciclaxe de altofalantes, de instalación de computadores e de
robótica.
Agora,
a Concellaría de Benestar Social, a través da súa Oficina de
Voluntariado, vén de lanzar unha campaña denominada Únete ao
movemento da reciclaxe tecnolóxica! para dar a coñecer o
servizo entre a veciñanza, e promover tanto a reciclaxe de todos os
aparellos electrónicos que non se usen como a solidariedade cos
cidadáns con menos recursos que precisen da súa doazón, así como
ás organizacións sociais e culturais do Concello de Ames.
A
campaña propón a cuestión Sabías que doando todos os aparellos
que hai nas casas sen usar a fenda dixital resolveríase?. Así
mesmo, convida aos veciños e veciñas do concello e da súa contorna
a doar o seu ordenador ao Banco Municipal de Reciclaxe Electrónica
de Ames, de forma que se lle dea unha nova vida con software libre,
reducindo a piratería.