Amazon presenta o seu Kindle máis avanzado

mércores, 28 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Os lectores de libros electrónicos de Amazon dan un paso de xigante co novo Kindle Scribe, xa que este novo dispositivos non só destaca pola súa grande pantalla de tinta electrónica de 10,2 polgadas cunha resolución de 300 puntos por polgada e iluminación frontal, senón que tamén inclúe un lapis dixitalizador que permite realizar anotacións como se estivésemos ante un caderno, aínda que estas prestacións tamén supoñen un importante incremento de prezo, deixándoo no seu modelo básico en 369,99 euros.
O Kindle Scribe vén a ser unha evolución do Kindle Paperwhite, cun maior tamaño e coa opción de escritura en pantalla, de xeito que pode resultar apto para quen busque unha grande pantalla para unha lectura máis confortable como para quen queira realizar anotacións en libros e documentos (como ficheiros de Word e arquivos PDF), convertendo o trebello nunha ferramenta de traballo moi práctica.
O modelo básico conta cun lapis dixitalizador básico e 16 GB de almacenamento, podendo optarse tamén por un lapis premium que integra borrador e botón de acción rápida e capacidade de almacenamento de até 64 GB (co que o prezo chegaría até os 449,99 euros).
O punto forte deste dispositivo sería trasladar a experiencia do papel tanto á lectura como á escritura, e incluso sería unha boa opción ante competidores como o popular reMarkable 2, co que coincidiría en moitas funcións, pero que ten a súa resolución de pantalla limitada a 226 puntos por polgada, o que supón unha importante diferenza en nitidez (algo moi importante neste tipo de trebellos). Curiosamente o Kindle Scribe é uns poucos euros máis económico que este competidor directo, dando a impresión de que Amazon tivo moi presente a oferta actual no mercado á hora de lanzar o seu Kindle máis avanzado.
Aínda que xa podemos reservar o produto, non se entregará até o mes de decembro, polo que podemos entender que non estará incluído nas promocións que haberá no mes de outubro (ou mesmo no Black Friday).

PUBLICIDADE