Amazon presenta novos produtos para o fogar

mércores, 20 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Durante a pasada tarde Amazon realizou un acto de presentación no que amosou numerosos dispositivos para o fogar, entre os que destaca moi especialmente o Echo Hub, descrito como o primeiro cadro de mandos de fogar dixital deseñado para unha xestión sinxela de dispositivos conectados, que pode instalarse na parede e manéxase como se fose unha tableta de 8 polgadas.
Este novo Echo Hub permite xestionar os dispositivos do fogar, organizar widgets, ver múltiples instantáneas de cámaras compatibles ao mesmo tempo, e que incluso detecta cando hai unha persoa diante, de xeito que nese momento muda a súa pantalla dun fermoso reloxo a unha pantalla de inicio para controlar os trebellos do noso fogar.
Aínda non temos a data na que este produto chegará a España, pero si sabemos que o seu prezo será de 199,99 euros.

Vídeo de presentación do Echo Hub

Echo Show 8

A pantalla Echo Show 8 podería verse como un Echo Hub de escritorio, xa que tamén serve para controlar elementos domóticos, aínda que está orientado á reprodución de audio e vídeo, así como á realización de videoconferencias, polo que é un produto que pode resultar ideal para case calquera recanto do fogar no que queiramos consumir contidos audiovisuais, así como interactuar con Alexa. Chegará ao mercado o 26 de outubro a un prezo de 169,99 euros.

Vídeo no que amosan algunhas das posibilidades do novo Echo Show 8

Novos Fire TV Stick

Os Fire TV Stick de Amazon son algúns dos máis populares para achegar a unha pantalla capacidades dun Smart TV, xa que trátase dun trebello cunha versión de Android modificada para facilitar o consumo audiovisual a través unha pantalla conectada por HDMI.
Aínda que os Fire TV máis vendidos son os máis económicos, hai usuarios que queren os modelos máis potentes para gozar dunha mellor experiencia de uso, e deste xeito o 19 de outubro teremos os novos Amazon Fire TV Stick 4K e Amazon Fire TV Stick 4K Max, con prezos de 69,99 e 79,99 euros respectivamente.
Aínda que externamente son moi semellantes, o Fire TV Stick 4K Max, como ben indica o seu nome, é un produto máis completo, cun procesador de catro núcleos a 2 GHz, conectividade Wi-Fi 6E (sería o primeiro dispositivo deste tipo con tal conectividade), compatibilidade coa maioría de estándares de imaxe HDR e son envolvente, unha capacidade de almacenamento de 16 GB (para non ter problema para instalar numerosas aplicacións) e un mando con voz mellorado.
O modelo máis básico, o Fire TV Stick 4K, conformaríase cun procesador a 1,7 GHz e conectividade Wi-Fi 6, polo que para moitos usuarios sería máis que dabondo, pero os usuarios que decidan a compra pensando no longo prazo deberían considerar a opción do modelo Max.

eero Max 7

Máis sorprendente é que Amazon ouse a lanzar unha nova solución de rede sen fíos en malla de grandes prestacións, xa que o router eero Max 7 quere converterse na solución ideal para os que xa queren gozar de Wi-Fi 7, contando incluso cun par de portos 10 Gigabit, ou sexa, que estamos ante un produto dirixido aos poucos consumidores que teñen acceso a redes de 10 Gbps (que xa ofrecen comercialmente algunhas compañías) e queren aproveitalas ao máximo tanto por Wi-Fi como por cable.
Este sistema Wi-Fi funciona nas bandas dos 2,4, 5 e 6 GHz, ofrece velocidades sen fíos de até 4,3 Gbps e pode chegar até os 9,4 Gbps por cable, prometendo cobertura sen fíos a espazos de até 232 metros cadrados e integrando incluso un controlador de fogar dixital con tecnoloxía Zigbee.
Un produto realmente impresionante, pero que como principal atranco ten que o seu prezo de venda é de 699,99 euros, polo que non está ao alcance de calquera, como tamén acontece coas redes domésticas de 10 Gbps.

Amazon tamén adiantou cambios en Alexa, asistente virtual que está a evolucionar para ofrecer opcións máis avanzadas e conversas máis naturais ao estilo de ChatGPT