Amazon presenta novos dispositivos para conquistar o fogar conectado

martes, 28 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Amazon está a presentar novos produtos, entre os que destaca a ambición do Echo Show 15, produto que consistirá nunha pantalla conectada Full HD de 15,6 polgadas cunha cámara de 5 Mpíxeles que podemos instalar en horizontal ou vertical coma se fose un cadro (ou colocalo sobre un soporte), para converterse no centro do fogar dixital ou incluso como un substituto do televisor na cociña, xa que permite reproducir contidos de plataformas como Amazon Prime Video, Netlfix ou Atresplayer, así como escoitar Amazon Music, Spotify, Apple Podcast e Audible.
Este trebello, que pode comportarse coma un marco dixital, tamén está aberto a funcións como acceder ao vídeo captado por cámaras de vixilancia compatibles con Alexa (que incluso poden amosarse nunha fiestra de tamaño reducido mentres consumimos outros contidos multimedia), comprobar o calendario, consultar notas persoais e listaxes da compra... ou sexa, que pretende servir para organizar a vida familiar.
A cámara do trebello pode empregarse para realizar videoconferencias, pero tamén se aproveita para identificar ás persoas que ten diante, e así amosarlle información personalizada, aínda que esta opción pode desactivarse (ao igual que tamén é posible tapar a cámara de xeito doado cun mecanismo integrado).
O Echo Show 15 chegará ao mercado nos vindeiros meses a un prezo de 249,99 euros.

Outros produtos

Outro produto importante dos presentados hoxe sería o Blink Video Doorbell, un videotimbre de Blink, que parte dun prezo de 59,99 euros e que pode instalarse con ou sen cable e conta cunha autonomía de até 2 anos. Transmite vídeo en Full HD e integra audio bidireccional, de xeito que podemos recibir notificacións do timbre nunha aplicación móbil e comunicarnos coa persoa que estea na porta, sendo tamén posible conectar por cable o novo dispositivo cun timbre existente para que tamén se escoite o timbre da casa cando se prema o novo interruptor.

A nivel de conectividade tamén resulta moi interesante o novo eero Pro 6, solución de Wi-Fi mesh de Amazon que agora integra Wi-Fi 6 de triple banda e incluso controlador de fogar conectado ZigBee (evitando a necesidade dun bridge domótico).
A versión cunha unidade custa 199 euros, mentres que o lote con 3 unidades véndese a 511 euros.

Estes produtos están dispoñibles para o público español, algo que dubidamos que aconteza con Astro, un robot doméstico que tamén presentaron hoxe, que pode vixiar o novo fogar cando non esteamos na casa; poderá aproveitarse para axudar aos nosos maiores (con recordatorios de tomar a medicación ou incluso servindo para establecer chamadas de voz ou vídeo coa familia); e incluso pode comportarse como un Alexa sobre rodas, perseguíndonos pola casa para que poidamos escoitar música, ver unha serie ou realizar unha chamada sen ter que cargar dun dispositivo móbil.
Quedará por ver o que acontece con este produto que promete ser todo un pesadelo para a nosa intimidade, e aínda que está previsto que se venda a 1.449,99 dólares, contará cunha promoción de lanzamento a 999,99 dólares con 6 meses do servizo de seguridade Ring Protect Pro (que permite programar patrullas, investigar acontecementos detectados e gardar vídeos na nube de Ring contando cun historial de até 60 días).

PUBLICIDADE