Amazon estrea unha versión infantil do seu lector de libros electrónicos
luns, 7 de outubro do 2019
Dende hai anos dende Amazon entenden a necesidade de
comercializar versións das súas tabletas orientadas aos pequenos da casa, de
xeito que presentan deseños máis divertidos, proteccións ante un uso pouco
coidadoso e incluso garantías para que ante unha rotura accidental non haxa que
mercar un dispositivo novo, pero hoxe sorprenderon co feito de que trasladan
esta política tamén aos libros electrónicos, de xeito que teriamos o que posiblemente
sexa o
primeiro eReader do mercado deseñado para un público infantil.
O Kindle Kids Edition
é un lector de libros electrónicos que inclúe unha funda de protección propia
para os pequenos, 1 ano de Amazon FreeTime Unlimited (servizo que inclúe máis
de 20.000 libros, aplicacións, xogos, películas e series de televisión aptos
para cativos) e 2 anos de seguro de substitución do dispositivo por un prezo de
109,99 dólares.
Este produto sairá á venda o vindeiro 30 de outubro, e correspóndese a unha
versión do Kindle máis básico, cunha pantalla de 6 polgadas cunha definición de
167 puntos por polgada e luz frontal axustable, que ao manter unha autonomía de
varias semanas pode ser un produto moi interesante para incitar aos pequenos a
ler, xa que a grande vantaxe deste dispositivo é precisamente que non é unha tableta
cunha porta aberta ás distraccións.
Haberá que agardar agora para ver se Amazon trae esta liña de produtos a España, xa que actualmente ofréceos en poucos países (principalmente polas necesidades de soporte que precisan tanto o seu hardware como os seus servizos de contido).