Amazon entra no mercado dos televisores

venres, 10 de setembro do 2021 Marcus Fernández

A familia de reprodutores multimedia Fire TV medra e, aparte de anunciar o Fire TV Stick 4K Max (basicamente unha versión máis potente dos reprodutores anteriores), deu un paso decidido e atreveuse a dar o salto aos televisiores coas liñas Fire TV Omni e Fire TV 4-Series.
Os televisores Fire TV Omni ofrecen imaxe 4K con HDR, HLG e son Dolby Digital, contando incluso con Dolby Vision nos seu smodelos de 65 e 75 polgadas, e aproveitan o asistente Alexa para que poidamos controlar o sistema directamente coa nosa voz en mans libres, mentres que os Fire TV 4-Series inclúen o asistente de voz no mando a distancia e ofrecen unhas prestacións algo máis limitadas.
Amais, Amazon tamén chegou a acordos con Pioneer e Toshiba, que comercializarán televisores que tamén integrarán Alexa en mans libres, polo que a tecnoloxía de asistencia mediante a voz de Amazon conseguirá chegar a cada vez máis fogares.
Os televisores Fire TV Omni chegarán ao mercado en tamaños de 43, 50, 55, 65 e 75 polgadas con prezos que van dende os 409,99 e os 1.099,99 dólares, mentres que os Fire TV 4-Series confórmanse con tamaños de 43, 50 e 55 polgadas con prezos de entre 369,99 e 519,99 dólares.
Polo momento non sabemos se Amazon traerá estes televisores ao mercado español, pois son uns produtos bastante complicados de comercializar e con prezos que polo momento non resultan especialmente atractivos, estando na liña do que xa ofrecen outros fabricantes, sendo o único elemento que marque a diferenza o uso de Alexa sen mando nos modelos da familia Omni.

PUBLICIDADE